Volver

A voz presente

Exposición sobre a vida, a obra e o pensamento de Ricardo Carvalho Calero promovida pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

A mostra, comisariada por Carlos Quiroga e Xosé Luís Rodríguez, foi deseñada e promovida por Ouvirmos S.L. co obxectivo de difundir e poñer en valor as dimensións artística, humana e intelectual do autor a quen se lle dedica este 2020 o Día das Letras Galegas.

Os cinco primeiros paneis da mostra presentan unha liña do tempo con datos relativos ao percorrido vital do autor, os espazos onde este se desenvolveu, as circunstancias políticas que o rodearon e a súa obra. A continuación, outros cinco paneis céntranse en cadanseu aspecto da súa figura e do seu legado. O primeiro deles aborda o seu traballo como filólogo e divulgador, tanto da literatura como da lingua galega. O segundo, “A obra”, ocúpase da súa faceta de creador literario. “Lugares vitais” analiza a súa relación con Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela. “Reintegracionista” ocúpase da súa posición con respecto á norma ortográfica do galego, en tanto que “Intelectual honesto” mostra a súa actitude vital independente, crítica e comprometida ao longo dos anos. Tal e como o título da exposición indica, procurouse que fose o propio autor homenaxeado quen –a través de citas de obras literarias, artigos, entrevistas concedidas...- falase directamente de si mesmo e da súa obra.

A exposición en formato físico iniciará a súa itinerancia por varios puntos de Galicia e de Portugal cando as circunstancias motivadas pola Covid-19 o permitan. Polo momento, aquí poden verse os paneis que a compoñen en formato dixital, tanto en alta calidade como en baixa resolución, para facilitar o seu manexo e accesibilidade.

 

AXENDA

DATAS ESPAZO LOCALIDADE
Do 15 ao 30 de xuñoCentro Comarcal Pazo Santomé Mondoñedo      
Do 1 ao 15 de xulloMuseo do Mar de GaliciaVigo
Do 14 ao 28 de agostoBiblioteca Pública de LugoLugo
Do 1 ao 15 de setembro  Casa dos PoetasCelanova
Do 17 de setembro ao 1 de outubro Biblioteca Pública da Coruña Miguel González GarcésA Coruña
Do 3 ao 17 de outubroBiblioteca Pública de Santiago Ánxel CasalSantiago de Compostela
Do 20 de outubro ao 3 de novembroBiblioteca Pública de Pontevedra Antonio OdriozolaPontevedra
Do 5 ao 19 de novembroFundación Cultural Ramón Otero PedrayoTrasalba (Amoeiro)
Do 21 de novembro ao 5 de decembroBiblioteca Pública Municipal de RibadaviaRibadavia
Do 8 ao 22 de decembroBiblioteca Publica de Ourense Xeración NósOurense