Volver

Xornada do Día das Letras Galegas. Luísa Villalta

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), organiza a X Xornada do Día das Letras Galegas, que terá como protagonista a autora homenaxeada este ano pola Real Academia Galega, Luísa Villalta.

A sesión formativa da X Xornada do Día das Letras Galegas desenvolverase o sábado 27 de abril, de 9:30 a 20:30 h, no salón de actos do Pazo de San Roque (San Roque, 2, Santiago de Compostela).

A xornada tratará de achegarlle a figura de Luísa Villalta ao profesorado encargado de divulgar a súa obra entre o resto da comunidade educativa, a través de relatorios de especialistas e mais das experiencias de traballo dos equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) de diversos centros educativos. Alén diso, favorecerase o intercambio de materiais e recursos creados polos EDLG.

Na primeira parte da xornada, intervirán especialistas e coñecedores da vida e da obra da escritora homenaxeada. Con eles faremos un percorrido polos diversos xéneros literarios: Marga do Val (poesía), Inma López Silva (narrativa), Manuel Naveira (ensaio) e Henrique Rabuñal (teatro). Remataremos a mañá co espectáculo de Indóciles, un proxecto multidisciplinario no que a poesía, a música e a narración oral irán da man para explorar o mundo creativo de Luísa Villalta.

Xa pola tarde, participarán os centros gañadores do Concurso-exposición das Letras Galegas nas categorías A e B, que presentarán as exposicións e as guías didácticas premiadas e outros materiais, e tamén poderemos coñecer un amplo abano de experiencias educativas de centros que traballaron e traballan sobre a autora homenaxeada.

O profesorado interesado en participar pódese inscribir ata o 25 de abril de 2024 na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/fprofe/

Código en fprofe para a inscrición: G2302034

Data: 27 de abril

Horario: de 9:30 a 20:30 h

Lugar: salón de actos do Pazo de San Roque (San Roque, 2, Santiago de Compostela)

Imaxes relacionadas: