Volver

Xornada do Día das Letras Galegas. O cancioneiro popular

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua e do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), organiza a XI Xornada do Día das Letras Galegas, que terá como protagonistas as sete cantareiras homenaxeadas e, a través delas, a poesía popular galega que elas interpretaban.

A sesión formativa da XI Xornada do Día das Letras Galegas desenvolverase o sábado 26 de abril, de 9:00 a 20:30 h, no salón de actos do Pazo de San Roque (San Roque, 2, Santiago de Compostela).

A xornada tratará de achegarlle o valor da lírica oral ao profesorado encargado de divulgalo entre o resto da comunidade educativa, a través de relatorios de especialistas e mais das experiencias de traballo dos equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) de diversos centros educativos. Alén diso, favorecerase o intercambio de materiais e de recursos creados polos EDLG.

Logo da inauguración da xornada por parte do secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, e da subdirectora xeral de Planificación e Dinamización, María Coutinho Villanueva, intervirán especialistas como Manuel Rico Verea, mestre, musicólogo e escritor, co relatorio “A historiografía dos cancioneiros de música tradicional de Galicia”, e Sergio de la Ossa Jiménez, músico, profesor e escritor, coa intervención titulada “O cancioneiro popular galego de Schubarth e Santamarina: contexto e aplicacións”.

O músico, escritor e mestre Richi Casás, e os mestres e escritores Xosé Manuel Varela Varela e Icía Varela Gómez completarán as intervencións previas á pausa do mediodía. A continuación falará Xosé Manuel Fernández Pensado, presidente de honra de Aturuxo, co relatorio "A influencia das Vellas de Mens no folclore galego". E pecharán, antes do xantar, as artistas Felisa Segade e Nuria Gesteira, coa actuación "Axudádeme a cantar".

Xa pola tarde, abrirán o programa os docentes representantes dos centros gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas, CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro (Cerceda) e IES Castelao (Vigo).

Posteriormente, debullaranse as experiencias educativas propostas polo IES Santiago Basanta Silva (Vilalba), CPI Plurilingüe dos Dices (Rois), IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), CPI de Cruz do Sar (Bergondo), CEIP Plurilingüe A Fraga (As Pontes de García Rodríguez), CPR Plurilingüe El Pilar (Vigo), Asociación Cultural Tarambainas e o Seminario Galán.