Volver

Intempériome

Videoclip co tema "Intempériome" pertencente ao EP Hasme oír, un novo traballo de A banda da Loba en homenaxe a Xela Arias que verá a luz no mes de abril coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no marco da programación institucional das Letras Galegas 2021.

A banda da Loba tennos xa acostumados/as ás musicalizacións de poemas das figuras máis representativas da nosa cultura. Con Xela Arias, á que afirman ter como “unha das súas grandes referentes”, non podía ser diferente. No seu último disco, Fábrica de Luz, xa se aproximaran á súa obra coa canción Tigres coma cabalos, un bolero que tamén aparecerá no novo traballo, esta vez coa incorporación da voz de Xacobe Varela, cantante do grupo Os d'Abaixo. Hasme oír será polo tanto unha homenaxe máis coidada e precisa á “gran poeta e muller transgresora que foi Xela Arias”. Conterá catro cancións, unha por cada poemario: IntempériomeDarío a diarioDenuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos, así como uns interludios musicais recitados entre cada un deles.

A peza "Intempériome" preséntase nas vésperas do 8M e poucos días despois do aniversario da homenaxeada, dúas datas clave na vida de Xela. Trátase do videoclip dunha canción que fala de deixar atrás os prexuízos e os estereotipos e afondar na persoa que queremos ser, con liberdade e respaldada pola rede dos afectos. Unha idea que quixeron representar neste vídeo a través da evolución dunha muller que, co que vai aprendendo co paso dos anos, adquire as ferramentas necesarias para avanzar e coidarse a medida que se fai máis vella.

En colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Banda da Loba celebra dous concertos co repertorio do disco Hasme oír en dous lugares significativos na vida de Xela Arias: o seu concello de nacemento, Sarria, e na cidade onde desenvolveu a súa obra, Vigo (no Museo do Mar de Galicia).