Volver

LGx15.Ideas para o futuro da lingua

 A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa Coordinadora de Traballadores/as de de Normalización da Lingua (CTNL) na segunda edición de LGx15, un evento pensado para compilar e difundir experiencias, opinións e propostas para influír positivamente no futuro do noso idioma.

  • LGx15

    LGx15

 Oito presentacións transmitirán de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para incidir nas actitudes e  na conciencia lingüística. Haberá ademais humor e música, é dicir, consistirá nun evento pensado para o entusiasmo, a diversión, a reflexión e o futuro do galego.

Este ano conducirán o acto os regueifeiros Josiño de Teixeira e Luís O Caruncho, que presentarán a Alberte Lamazares (Ulabergo, que propón tratar un dos principais usos da lingua: falar), Belén Regueira (comunicadora convertida ese día en conselleira para neofalantes), Elena Ferro (zoqueira, que falará da necesidade de defendermos o noso), Diana Fernández e David Díaz (responsables do blog Bolboretas no bandullo, que mesturarán ingredientes culinarios e lingüísticos), Marcus Fernández (webmáster de Código Cero, que falará das TIC en galego), María Yáñez (costureira de internet, que demostrará que hai vida despois do Xabarín coa primavera millenial), Mark Viersma (músico, que levará o público ata o ano 20150 coa lingua e o son) e Rosalía Fernández Rial (profesora e poeta, que explicará como a nosa lingua é latente de todas as demais). A estas presentacións sumarase a actuación do grupo Poetarras.

LGx15, Ideas para o futuro da lingua terá lugar o xoves 24 de novembro, ás 18:00 h, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. As entradas para o evento xa están á venda ao prezo de 6 euros (na rede en www.salacapitol.com e fisicamente na Tenda A Reixa, situada no número 46 da compostelá rúa do Hórreo). O día do evento custarán 10 € na billeteira.