Volver

II Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos, convoca o II Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación de Pontevedra como continuación da homenaxe iniciada en 2025 ao escritor e dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 75 aniversario da súa morte.

Coincidindo coa conmemoración do Ano Castelao en 2025, e coa intención de impulsar a creación teatral e de darlle visibilidade e difusión ao teatro galego, a Deputación de Pontevedra convocou o ano pasado o Premio Castelao de Textos Teatrais. Este 2026, de novo co obxectivo de fomentar, apoiar e mellorar a calidade e a creatividade das escritoras e escritores, ademais de promover o talento e o potencial literario da provincia, convócase unha nova edición do certame.

Poden presentarse a este galardón, dotado cun único premio de 12.000 euros, as persoas maiores de idade que presenten obras de teatro inéditas escritas en lingua galega. Só se aceptarán pezas redactadas na norma da Real Academia Galega, cunha extensión máxima de 200.000 caracteres (espazos incluídos) e que non fosen galardoadas con ningún premio noutros certames nin tampouco fosen levadas á escena.

 O prazo de inscrición remata o 15 de setembro de 2026.