Curso 'Biografías Lingüísticas e transmisión do galego. Unha mirada crítica'
O 29 de novembro vai ter lugar na Facultade de Filoloxía da USC o curso Biografías Lingüísticas e transmisión do galego. Unha mirada crítica, organizado polo ILG e o grupo MetalingüísTICa da USC.
A formación ten como obxectivo recoñecer e valorizar os repertorios lingüísticos do alumnado, promovendo prácticas pedagóxicas inclusivas que integren as TIC como ferramentas de empoderamento e participación. Ao longo das sesións, presentarase unha selección de materiais e experiencias innovadoras que contribúen á revitalización do galego e ao cuestionamento das ideoloxías lingüísticas hexemónicas.
Dado que esta actividade forma parte da oferta formativa do CAFI para o curso académico 2025/2026, o profesorado dos centros públicos e concertados que desexe asistir ao simposio terá que efectuar a inscrición, ata o 21 de novembro, a través da ligazón www.edu.xunta.gal/fprofe (código G2502039).
O resto de asistentes poderán formalizar a inscrición cubrindo o formulario que se atopa nesta ligazón. O prazo de inscrición remata o 27 de novembro.