Nadal en Rede 2023

Achégase de novo o Nadal, o Nadal en Rede, con recursos e actividades para que as entidades que pertencen á Rede de Dinamización Lingüística poidan celebrar estas festas en galego.

Polo que se refire aos materiais, este ano contamos cun disco de cancións de Nadal do grupo Ailá noviño do trinque. Consta de temas tradicionais cos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere contribuír a divulgar e dar a coñecer o rico patrimonio galego de tradición oral destas datas e animar a reproducir estas cancións nas rúas, nos comercios, nas mesas... para ambientar e celebrar as festas na lingua propia de Galicia.

En canto ás actividades, contamos con seis propostas distintas (música, teatro, monicreques, contadas...) que chegarán a 43 entidades diferentes da Rede de Dinamización Lingüística:

A viaxe feliz de Ramón Sanfiz

Con esta proposta da compañía Fantoches Baj dirixida a público familiar e adulto, queremos pechar o ano dedicado a Francisco Fernández del Riego, en cuxo libro Galicia se basea esta peza teatral. Nela, e seguindo o percorrido dunha viaxe entre Lourenzá e Santo André de Teixido que realiza o alter ego de don Paco, Ramón Sanfiz, imos facendo parada en diferentes historias e cancións relacionadas cos concellos de Mondoñedo, O Valadouro, Ortigueira, Cariño e Cedeira. Para mostrarllas ao público, Ramón Sanfiz servirase de instrumentos musicais como unha caixa de música, un pandeiro ou un talking drum e de obxectos como monicreques, un cartel de cego ou un kamishibai.

Velaquí os concellos onde fará parada Nadal en Rede coa Viaxe feliz de Ramón Sanfiz:

  • Rodeiro, Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares”: 1 de decembro ás 11.00 h
  • Boborás, Edificio Sociocultural: 1 decembro ás 17.00 h
  • Moaña, alto da praza de abastos: 3 decembro ás 17.00 h
  • Xermade, Casa Habanera de Roupar: 6 de decembro, ás 17.00 h, Casa habanera de Roupar
  • Vila de Cruces, Auditorio: 10 de decembro, ás 17.00 h
  • Santa Comba, Casa da Cultura: 17 decembro, ás 17.30 h
  • Mondoñedo, Casa da Cultura: 24 decembro, ás 12.00 h
  • Cariño, Casa da Cultura: 26 decembro, ás 18.00 h
  • Fene, Casa da Cultura: 26 decembro, ás 12.00 h
  • Bóveda, no Centro Sociocultural: 27 decembro, ás 17.00 h

Palabras

A compañía Baobab Teatro presenta unha proposta dirixida a nenos e nenas entre 1 e 8 anos e ás suas familias. Palabras parte do eixe principal das lerias e enredos da nosa tradición oral, que xa contaban os nosos tataravós, bisavós, avós... Desde aí, viaxa a través da música, dos xogos e das historias tradicionais que as familias asistentes aprenderán para continuar xogando cos seus fillos na casa unha vez finalizado o espectáculo.

Palabras chegará da man de Nadal en Rede aos seguintes concellos:

  • Padrón, Auditorio Municipal: 15 de decembro ás 18.00 h
  • Mos, Auditorio do Pazo de Mos: 16 de decembro ás 19:00 h
  • Sanxenxo, Pazo Emilia Pardo Baán: 22 de decembro ás 17:30 h
  • Pobra de Trives, Auditorio Julio Vázquez: 23 decembro ás 17:00 h
  • Cee, Auditorio da Casa da Cultura: 26 de decembro ás 11:00 h
  • O Corgo, Centro Sociocultural: 27 decembro ás 12:30 h
  • Monterroso, Espazo Cultural Lorenzo Varela: 28 de decembro ás 12:00 h
  • Baiona, Praza do Concello: 16 de decembro ás 12:00 h

Contos no Nadal

A contadora Ángeles Goás chega ao Nadal en Rede para ofrecernos a oportunidade de mergullar na escoita de historias de chemineas, nevaradas, agasallos, segredos... e de deixar que a maxia e a emoción destas festas invernais impregnen os nosos sentidos. Podedes acudir a escoitala a:

  • Brión, Casa da Cultura: 2 de decembro ás 12:00 h
  • Gondomar, Auditorio Municipal LoisTobío: 9 de decembro ás 18:00 h
  • A Fonsagrada, Salón de Actos Municipal dos Chaos: 28 de decembro ás 18:00 h
  • Oroso, Auditorio do Centro Cultura Fernando de Casas Novoa: 29 de decembro ás 11:30 h
  • San Cristovo de Cea, Edificio Multiúsos: 29 de decembro ás 18:00 h

De ida e volta

A compañía en Branca e Negra (Amor Herrera e Cris de Caldas) trae unha proposta para adultos heteroxénea e composta por elementos da narración oral, do teatro e da música en directo; un espectáculo que lles rende homenaxe ás persoas migrantes, ás de antes e ás de agora. Parará este Nadal nas seguintes entidades da Rede:

  • Cambados, Auditorio Municipal: 22 de decembro, ás 20.30 h
  • A Estrada, Recreo Cultural: 23 de decembro ás 21.00 h
  • Vigo, Centro Veciñal e Cultural Valadares: 30 de decembro ás 19.00 h

Os Piñeiriños. Xa é Nadal

Os divertidos irmáns Fuco e Xela, máis coñecidos como os Piñeiriños, presentan estas festas un espectáculo lúdico e interactivo cheo de contos e de música para nenos e nenas de ata 10 anos. Dispostos a catar e a bailar con eles? Poderedes facelo en sete concellos da Rede de Dinamización Lingüística:

  • Vigo, Museo do Mar de Galicia: 10 de decembro ás 17:30 h
  • Lalín, Casa do Patrón: 17 de decembro ás 17.30 h
  • A Estrada, rúa Calvo: 23 de decembro ás 18:00 h
  • Barro, Pazo da Crega: 24 de decembro ás 12.00 h
  • Santiso, Escola de Música Eugenio Pazos Reyes: 26 de decembro ás 12:00 h
  • Mondariz-Balneario, Sala de Cultura: 26 de decembro, ás 18.30h h
  • Vilanova de Arousa, igrexa da Pastoriza: 29 de decembro ás 18:00 h

Contos e cantos de Nadal

O trío formado por Uxía (voz e percusión), Sèrgio Tanus (guitarra, viola caipira, cavaquiño e percusión de man) e Santiago Cribeiro (acordeón) celebrará 8 concertos para público familiar con repertorio propio do Nadal. Con eles darán a coñecer panxoliñas tradicionais e outras de nova creación que os participantes poderán recordar e aprender para cantar despois na casa.

Contos e cantos de Nadal fará parada este inverno en:

  • Cerdedo - Cotobade: 17 de decembro ás 12:00 h (Casa escola de Aguasantas)
  • Poio: 17 de decembro ás 18:00 h (Centro Cultural Xaime Illa)
  • Soutomaior: 23 de decembro ás 12:30 h (Carpa de Nadal)
  • Covelo: 23 de decembro ás 18:00 h (Auditorio Municipal)
  • Oímbra: 26 de decembro ás 12:00 h (Pavillón Municipal)
  • Xinzo de Limia: 26 de decembro ás 19:00 h (Carpa da Praza Maior)
  • Outes: 29 de decembro ás 12:00 h (Casa da Cultura)
  • Ribeira: 29 de decembro ás 19:00 h (Auditorio Municipal)

O castiñeiro do Apalpador

Ademais, no Concello de Manzaneda e no de Triacastela terá lugar unha representación de O castiñeiro do Apalpador, da compañía Fantoches Baj, coa que os nenos e nenas coñecerán mellor a figura mítica do Nadal Galego:

  • Venres 29 de decembro, Centro de Día de Manzaneda, ás 16:30 horas
  • Sábado 30 de decembro, na Ferrería A Ponte de Triacastela, ás 17:00 horas

Nesta obra, dirixida a público de máis de 3 anos, o propio Apalpador será quen lles conte aos asistentes por que reparte castañas entre os nenos e nenas durante o Nadal.

Axenda