Volver

Premios de Publicidade en Galego

  • Premios de Publicidade en Galego

    Premios de Publicidade en Galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración co Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador, co obxectivo de promover o uso da lingua galega no ámbito publicitario e en consonancia coas disposicións do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020, convoca unha nova edición dos Premios de Publicidade en Galego.

Os Premios de publicidade en galego recoñecen o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que publicitan os seus produtos en galego nos medios de comunicación, así como das axencias que elaboran os anuncios para elas. Foron creados en 1993 polo Consello Asesor de RTVE en Galicia e da CRTVG coa intención de promover a publicidade na lingua propia de Galicia para radio e televisión nun momento en que esta era unha práctica aínda residual. A partir do ano 2001 comezou tamén a haber distincións para a publicidade en Internet e, na XXV edición, incorporouse unha categoría para alumnado de centros educativos especializados nalgunha das áreas de coñecemento que teñan que ver coa publicidade.

Tras celebrarse 23 edicións destes premios e, despois da aprobación do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020, foi a Secretaría Xeral de Política Lingüística quen toma a remuda para convocar as sucesivas edicións a partir de 2017.

As bases manteñen os criterios de calidade lingüística e de orixinalidade que se viñan empregando para valorar estes premios e propoñen un xurado con persoas pertencentes tanto aos ámbitos da comunicación e da publicidade, como ao institucional e ao asociativo. Como novidade, pódese sinalar que ademais das xa tradicionais categorías de publicidade en radio, televisión e Internet, en 2017 incorporouse outra para anuncios de prensa escrita e en 2018 unha máis dirxida a alumnado de centros educativos que impartan estudos de publicidade e áreas relacionadas.

O prazo de inscrición da XXV edición está aberto ata o 11 de outubro de 2018 e os premios entregaranse en novembro do mesmo ano, coincidindo coa celebración do Día da galeguidade empresarial.