Proxecto Dragal 2016-2017

Por cuarto ano consecutivo está en marcha o Proxecto Dragal, que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos equipos de dinamización da lingua galega. Trátase dun programa multidisciplinario de animación á lectura e á creación en galego coas tecnoloxías da información e da comunicación, que parte da triloxía homónima da escritora Elena Gallego Abad.

Este curso, o Dragal chega a 327 alumnas e alumnos da ESO de 6 centros educativos das catro provincias galegas. Nel están directamente implicados arredor de 18 docentes (e, de forma indirecta, un número moito maior, se temos en conta que este é un proxecto no que colabora toda a comunidade educativa).
En decembro, os dragaliños e dragaliñas vanse presentar e empezar a tomar contacto coa novela Dragal I. A herdanza do dragón. Durante o segundo trimestre, centraranse na lectura desta, na decoración ou dragalización do seu centro (que levará todo o curso) e na competición de dragaliños, que nos permitirá descubrir os sabios e sabias de cada Fraternidade do Dragón. Ademais, recibirán a visita de Elena Gallego para intercambiar impresións e poderán aproveitar para entrevistala.
No terceiro trimestre, o alumnado dos centros participantes dedicarase, por unha banda, a tarefas de análise da novela, de pescuda sobre onomástica persoal e toponimia e de creación (elaboración de álbums ilustrados, de caricaturas, de finais alternativos...) e, por outra, á investigación e procura de mostras do noso patrimonio material e inmaterial.
Cómpre salientar a colaboración no proxecto do actor e regueifeiro César Cambeiro, co seu espectáculo de contos populares e lendas Tradición 2.0, que motivará o alumnado para seguir indagando nese mundo máxico.
Como novidades respecto doutras edicións, podemos contar coa presenza do filólogo Vicente Feijoo, que realizará obradoiros nos centros para aprender empregar o Portal de Toponimia na procura de información sobre topónimos e lendas de dragóns, serpes, mouras e mouros, covas, pozas encantadas... relacionados con eles; así mesmo, parte do alumnado dos centros realizará unha actividade de regueifa.
O proxecto rematará, igual que nos cursos anteriores, cun xogo de rol no Pico Sacro, lugar lendario cun importante papel na novela de Elena Gallego, onde as alumnas e os alumnos das fraternidades de donas e cabaleiros do Dragal convivirán e participarán nunha xincana de orientación polo monte e na procura dun prezado tesouro que só serán quen de acadar de forma cooperativa na fin do proceso. Durante o xantar, poderán reencontrarse coa escritora e logo entregaráselle un recoñecemento a cada participante.
O Proxecto Dragal este curso vaise facer visible a través deste mesmo web. Aquí os dragaliños van atopar propostas de traballo e xogos relacionados coa temática da triloxía e han poder ver todos os materiais que están a producir os dragaliños e dragaliñas.
 

Centros participantes no Proxecto Dragal 2016-2017

  
  • IES Marco do Camballón, Vila de Cruces, Pontevedra
  • CPI Aurelio Marcelino Rey García, Cuntis, Pontevedra
  • IES Maximino Romero Lema, Zas, A Coruña
  • IES Antonio Fraguas, Santiago de Compostela, A Coruña
  • IES Lauro Olmo, O Barco de Valdeorras, Ourense
  • CPI de Castroverde, Castroverde, Lugo