Nós tamén creamos! 2017

Un ano máis, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en colaboración coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia e mais con OQO editora, convocan o concurso de curtas de animación en galego Nós tamén creamos!, cos obxectivos de promover unha imaxe positiva da lingua galega, favorecer o seu uso e aprendizaxe en novos ámbitos e formatos e dar a coñecer as opcións de ocio en galego que lles ofrece aos cativos o web da Televisión de Galicia.

O premio a curtas de animación en galego que se convoca no marco de Nós tamén creamos! está dirixido a centros educativos de infantil e de primaria. Ata 2 equipos de entre 2 e 4 docentes de cada centro poderán guiar o seu alumnado na elaboración dunha curta de animación coa técnica stop-motion. O profesorado que lidere a elaboración das curtas co seu alumnado recibirá asesoramento durante o proceso de elaboración dos seus traballos.

Como sempre, as creacións presentadas ao concurso estarán accesibles na sección infantil da web da CRTVG e tamén dende esta mesma  páxina. Haberá tres premios, un para a mellor curta elaborada en educación infantil, outro para a de primeiro e segundo de primaria e outra para a mellor de terceiro e cuarto cursos. O profesorado que participase na elaboración das curtas galardoadas recibirá unha certificación de Premio de Innovación Educativa cunha equivalencia de 20 horas de formación premanente do profesorado (30 en caso da persoa coordinadora).

O prazo de presentación de solicitudes remata o 9 de febreiro de 2017 e o prazo para enviar as curtas elaboradas remata o 2 de maio de 2017.

As curtas presentadas este ano deberán basearse nalgún dos seguintes libros, que serán enviados aos centros educativos participantes:

  • Que mal cheira!
  • O mundo nos ollos
  • A guerra dos números
  • Cando non atopas a túa casa
  • Os sete irmáns chineses
  • Os mil brancos dos esquimós
  • Buscando o norte
  • Mosquito
  • Tres han de ser
  • Pulga e xigante
  • A caixa dos recordos
  • Lucas e Oso
  • O último canto

Curtas de animación en galego
No ano 2010, a Secretaría Xeral de Política Lingüística envioulles aos centros educativos que imparten educación infantil tres curtas de animación elaboradas por OQO editora e acompañadas de cadansúa unidade didáctica, para gozar e aprender en galego aproveitando as posibilidades que nos brinda o audiovisual.

O curso seguinte, avanzouse un paso máis no uso da animación nas aulas mediante a creación do programa Nós tamén creamos! Grazas a el, os centros educativos pasaron de ver curtas en galego... a crealas! Hai dous anos Nós tamén creamos! incluíuse por primeira vez no Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación, que posibilita ampliar as horas de formación e o recoñecemento para o profesorado participante.

Este curso, o programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos! segue en Proxecta, pero o concurso de curtas do mesmo nome, que forma parte del, está aberto a todos os centros públicos de infantil e/ou primaria, de maneira que tamén poidan participar aqueles docentes que recibiron formación noutras edicións ou, simplemente, que están interesados nesta experiencia de aprendizaxe e de dinamización da lingua galega para o seu alumnado.