Lingua de namorar 2017

Xuventude.net fixo públicos os gañadores e gañadoras da edición 2017 de Lingua de namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en galego convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e pola Consellería de Política Social, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, respectivamente.

 Lingua de namorar está dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos. Os seus obxectovs son dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas relacións interpersoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente na Internet e na mensaxería instantánea, e mais incrementar a percepción do galego como unha lingua que é útil para os momentos de lecer e de diversión.

Gañadores 2017

O xurado do concurso Lingua de namorar 2017 reuniuse o xoves 16 de marzo para elixir, de entre as 50 mensaxes máis votadas en cada unha das categorías, as mensaxes gañadoras desta edición, que son as seguintes:

Mensaxes gañadoras da categoría A

Primeiro premio: Eternidade, de Sara Caride Blanco (Cambados, Pontevedra)
"E da nosa efémera existencia, quedará, quizais, o doce sangue que aloumiñe os latidos doutros corpos."

Segundo premio: Escribindo poesía, de Inés Amado Rodríguez (Cuntis, Pontevedra)
"Decidiches escribir poesía comigo, empregando metáforas atopadas nos meu ollos, redactando versos sacados dos meus beizos, engadindo refráns arrincados das nosas vivencias... Desexaches que formase parte desta historia, sendo así o capítulo culminante da túa vida. Decidiches escribir poesía comigo, e nela me enclaustrei para non perderte xamais..."

Terceiro premio: Foliada de mel, de Ana Barros Fernández (Marín, Pontevedra)
"Gustaríame bailar contigo un baile tan longo que o chan se cansase dos nosos pés."

Mensaxes gañadoras da categoría B

Primeiro premio: Ti, produto de risco, de Diego Arranz Fernández (Ourense)
"Víase de lonxe que eras un produto de risco, pero nin a recesión me puido conter para mercar participacións da túa vida. Queimei a calculadora axustando as contas e botei man de todas as apps que achei para xestionar a miña economía. O meu asesor fiscal é optimista, pero ben sei que sigo en crise. Aínda te quero por riba das miñas posibilidades."

Segundo premio: De Rosalía a Benedetti, de Estefanía González López (Santa Comba, A Coruña)
"Ti lías a Rosalía, eu lía a Benedetti. Ti bebías Pepsi, eu bebía Estrela. Ti es un anxo e eu son o demo. Mais se algo sei de ti e de min é que a pesar de sermos tan diferentes complementámonos como a lúa e o sol, o coñac e o anís doce, e como a luz e as gotas do orballo para facer miles de arcos da vella."

Terceiro premio: Contando, de Rubén Barreira Blanco (Verín, Ourense)
"Ámote, e gustaríame contar contigo. Un, dous, tres… ata o infinito."

O xurado do certame decidiu conceder unha mención de honra, pola súa frescura e denotación pola identidade e lingua propias, á mensaxe número 1 da categoría A, En galego, de Anabel López Blanco (Melide, A Coruña):

"Falo galego porque me sae da lingua".

Desenvolvemento do concurso

Cada participante puido enviar un máximo de dúas mensaxes en lingua galega cunha extensión máxima de 350 caracteres ao web Xuventude.net. Todos os textos presentados foron publicados na páxina do concurso identificados co seu título e mais cun número.

Do 6 ao 10 de marzo abriuse un prazo para votar por un máximo de 3 mensaxes de cada categoría. xurado do concurso reuniuse unha vez rematado o prazo de votación e elixiu as declaracións gañadoras entre as 50 mensaxes máis votadas polos usuarios e usuarias en cada unha das categorías.