Lingua de namorar 2018

Lingua de namorar é un certame en liña de mensaxes de amor en lingua galega convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos, o obxectivo principal destes premios é dinamizar o uso da lingua galega entre a xente nova nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente, na Internet e na mensaxería instantánea.

O xurado do certame, reunido o 6 de febreiro de 2018 para valorar as 50 mensaxes con máis votos de cada unha das categorías de idade establecidas, decidiu outorgar os seguintes premios:

Mensaxes gañadoras da categoría A (14 a 19 anos)

1º Premio: Muiñeira, de Nee Barros Fernández

Amarte hei, Carolina, como o lagarto á saia, coma as ferreñas á pandeireta e coma as cunchas ás panxoliñas; para fundírmonos xuntos nun aturuxo indecente dunha tenra foliada.

2º Premio: Tes lume?, de Ania Ferreira Longueira

Tes lume?, preguntei.
El tendeume un chisqueiro.
Eu ante a súa mirada comecei
por dentro a arder.
Creo que nunca chegamos a falar no mesmo sentido.

3º Premio: Amor adiantado, de Uxía Martínez Cabadas

Se importa máis etiquetar nunha foto dun "Quérote", en vez de dicilo; se importa máis unha cariña sorrinte que un aloumiño na mesma face; se o que importa é contestar rápido ás mensaxes... Eu négome! Volvamos poñer os escritos de moda, as cancións dedicadas e os bicos baixo a choiva. Namoremos. Seica non necesitamos tanto adianto.

Mensaxes gañadoras da categoría B (20 a 35 anos)

1º Premio: Infinito, de Teresa Pérez Lousame

Somos a colisión
das liñas de fuga;
a converxencia
das variables ti e eu
na constante nós.

2º Premio: Fagamos melodía, de Aitana Iglesias Márquez

Róubaslle a Freddie o poder de reinar. Déixate de Rolling, o teu swing faime rabiar. Non preciso a ACDC, ti xa es a miña star. Se es Quinta Sinfonía, pelexo con Beethoven por te tocar. Fagamos melodía, non deixemos de soar. Porque a vida, sen ti, é un Sinistro Total.

3º Premio: Terroristas, de Iria Carreira Pazos

Dino tódolos poetas:
cando ti me bicas
párase o mundo.
A Terra frea o seu xiro,
a Lúa muda a súa órbita,
invírtense os polos magnéticos.
Vannos acusar de terrorismo
porque lle descontrolamos tódolos satélites ós yankis.
 

Premios

O próximo 14 de febreiro, día dos namorados, farase entrega dos premios no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, onde se expón actualmente unha das xoias da lírica amorosa medieval galega, o Pergamiño Vindel. Os agasallos que recibirá cada un dos premiados son os seguintes:

Categoría A (de 14 a 19 anos):

1° Hoveboard Nilox (rodas 6,5, batería 20 km., velocidade máxima 10km/h) e unha reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa da súa estadía en Vigo en 2017 e 2018.
2° Cámara Fuji instantánea mini 9 ( fotos 62 x 46 mm.) e unha reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa da súa estadía en Vigo en 2017 e 2018.
3° Auricular Panasonic Diadema (bluetooth, 20 horas de autonomía) e unha reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa da súa estadía en Vigo en 2017 e 2018.

Categoría B (de 20 a 35 anos):

1° Smart TV Panasonic 32” (Full HD, TDT2, navegador web, 2 x HDMI) e unha reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa da súa estadía en Vigo en 2017 e 2018.
2° Smartphone Wiko 5” (16 GB, 4G, IPS HD, Android 7, 5/13 Mpx) e unha reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa da súa estadía en Vigo en 2017 e 2018.
3° Cámara deportiva Mini Wifi 2” (Full HD, ángulo 140º, resistente á auga 30m.) e unha reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa da súa estadía en Vigo en 2017 e 2018.