Exportar en galego

Exportar en galego é un proxecto conxunto da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) para mostrarlle ao empresariado as vantaxes competitivas que presenta o galego nos países de fala portuguesa e para ofrecerlle as ferramentas necesarias para establecer relacións comerciais con eles.

 

Tras a edición e distribución, no ano 2013, da Guía para a exportación a países de lingua portuguesa, Exportar en galego medra coa creación dunha plataforma activa en liña que ofrece información de carácter económico e empresarial centrada nos países lusófonos. A plataforma Exportar en galego inclúe o Buscador Paz Andrade, un auténtico banco de datos con información específica sobre mercados, sectores de actividade e oportunidades de negocio. Estas novas ferramentas xurdiron a raíz da aprobación da Lei Valentín Paz Andrade, a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e dos vínculos coa lusofonía.

O galego, lingua dos negocios

O galego é un valor cultural que nos identifica como pobo, mais tamén nos conecta cunha comunidade maior de case 200 millóns de persoas que falan portugués, xa que permite a intercomprensión sen necesidade de mediación. Este valor cultural transfórmase en valor económico cando falamos de negocios e de elementos tan importantes para estes como a comunicación. O galego non só permite a comunicación coa Lusofonía, senón que xera o clima de confianza que proporciona comunicarse sen intermediacións.

A exportación en países de fala portuguesa

Aprender a exportar é hoxe, como xa foi no pasado, a mellor maneira de facer que as empresas medren. E, para facelo, o galego pode axudar.

Brasil, Portugal, Mozambique, Cabo Verde, Guinea Bisau, São Tomé e Príncipe, Timor Leste, Angola ou rexións de fala portuguesa como Macao (China) ou Goa (India) son mercados emerxentes que cómpre ter moi en conta. Son lugares nos que é sinxelo chegar a acordos pola similitude e a intercomprensión existente entre as linguas galega e portuguesa. A lingua galega representa, polo tanto, unha vantaxe competitiva e un valor engadido para acadar acordos e negocios. E pode axudar. Por iso é importante aprender a exportar en galego e coñecer e ter presente información importante relativa á análise dos mercados nos que a lingua propia de Galicia pode favorecer a exportación, a negociación e a viabilidade dos acordos da maneira máis sinxela e efectiva posible.

A lingua na Lusofonía emerxente

As empresas galegas son cada vez máis conscientes da necesidade de internacionalizaren a súa actividade e de procuraren novos mercados para ofreceren os seus produtos e servizos. Á hora de emprender o camiño da internacionalización, moitas empresas xa se decataron de que o galego é un factor que suma: unha vantaxe que serve para situar as súas empresas de forma diferencial en mercados moi competitivos.

En contraposición a uns mercados europeos paralizados ou cando menos ralentizados pola crise, novos lugares para facer negocios emerxen na América latina e en África. Economía, lingua e cultura únense neste contexto para facilitaren a comunicación do empresariado galego en novos lugares nos cinco continentes. Mentres en todo o mundo se populariza o ensino do portugués como lingua de proxección internacional, o empresariado galego dispón dun valor que o sitúa en clara vantaxe neste contexto. Só ten que saber aproveitalo.

A campaña

“Exportar en galego” dálle continuidade á campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo”, que puxeron en marcha conxuntamente a FEGAPE e mais a SXPL no ano 2012 co fin de promover a utilización do galego como lingua dos negocios tanto dentro coma fóra de Galicia. Alén das vantaxes evidentes de utilizar o galego nos negocios desenvolvidos na nosa comunidade autónoma, destacados xa anteriormente noutras campañas apoiadas pola Xunta de Galicia, como ”Deixa que o viño fale” ou “Consumo Gustos”, por medio da campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo” incidiuse nas funcións do galego como lingua internacional e vía de comunicación para a internacionalización nos negocios. O feito de querer salientar a través dela que o galego é a escolla intelixente cando falamos de internacionalización contou cun alto apoio social e empresarial.

Con “Exportar en galego” a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a FEGAPE queren salientar que a nosa lingua propia é a escolla intelixente cando falamos de exportación e de acceso a novas oportunidades de negocio a nivel internacional.