Volver

FALAREDES 2023

Redecinema

Velaquí unha iniciativa impulsada desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Trátase de proxeccións de filmes en galego en formato de cinema de verán (en exterior, con gran pantalla). Os 18 concellos da Rede de Dinamización Lingüística onde se desenvolve a iniciativa proxectarán algún dos seguintes filmes:

Cuñados

Comedia sobre as peripecias delitivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado para salvar o que máis queren: a familia.

Malencolía

Sira e Pepe deciden regresar a Galicia tras moitos anos emigrados en Berlín. Atopan por Internet unha casiña na aldea abandonada de Lupián, provincia de Ourense, e deciden deixalo todo para iniciaren unha nova vida alí. Chegados á aldea, descobren con sorpresa que a única casa con vida está habitada por unha peculiar veciña chamada Isolina.

Zarauza mestura o terror e a tradición cultural galega nun filme que contén comedia, costumismo, surrealismo, medo e mala uva.

A Galiña Turuleca

Filme de animación hispano-arxentina de 2019 dirixido por Eduardo Gondell e Víctor Monigote.

Unha galiña incapaz de poñer ovos ve como cambia a súa vida cando a venden a unha vella que descobre que a galiña sabe cantar.

A illa das mentiras

Durante a madrugada do 2 de xaneiro de 1921 o vapor Santa Isabel, que se dirixía a Buenos Aires, afunde fronte á costa da Illa de Sálvora na ría de Arousa. Tres mozas arriscan a súa vida para salvaren os sobreviventes. Remando só de oído pola espesa néboa e a noite pechada logran salvar 48 persoas.

Un xornalista arxentino chega á illa para cubrir a noticia e investigar o caso. Co transfondo das loitas sociais, aos poucos o xornalista descobre que nada é o que parece e que hai numerosas incógnitas por resolver.

Maimiño

Filme de animación 3D galego-cubano escrito e dirixido por Ernesto Padrón, baseado nunha historia de José Martí.

Maimiño é un labrego que quere sacar a súa familia da pobreza e, debido a unha praga de insectos e ao encontro cun Espello Máxico, embárcase nunha aventura que o leva a descubrir quen é a muller dos seus soños.

Engurras

Longametraxe de animación galega baseada no álbum de banda deseñada Arrugas, de Paco Roca.

Emilio e Miguel son dous anciáns recluídos nun xeriátrico que se fan amigos. Emilio, que padece un principio de alzheimer, conta inmediatamente coa axuda de Miguel e outros compañeiros que tratarán de evitar que vaia a parar ao andar dos eivados. O seu disparatado plan tingue de humor e de tenrura o monótono día a día na residencia.

Eroski-paraíso

Baseado na obra homónima da compañía de teatro Chévere, conta distintas historias reais ocorridas na sala de festas "Paraíso", que funcionou en Muros ata 1990 e que logo foi convertida nun supermercado.

Jacinto

Filme ambientado en Galicia en que se mesturan o “terror rural” e o sentido do humor. A película, estreada en Sitges, conseguiu, entre outros, o emocionante premio a Mellor Interpretación Masculina Protagonista, outorgado de forma póstuma a Pedro Brandariz, falecido en febreiro de 2022.

O que arde

Ninguén agarda a Amador cando sae da cadea tras cumprir condena por provocar un incendio. Regresa á súa casa, unha aldea perdida das montañas lucenses, onde volverá convivir coa súa nai Benedicta, a súa cadela Luna e as súas tres vacas. As súas vidas transcorren ao ritmo sosegado da natureza, ata que todo cambia cando un lume violento arrasa a zona.

Os 18 concellos da Rede de Dinamización Lingüística onde se desenvolverá Redecinema son os seguintes: Fisterra, Laxe, A Laracha, Ares, Negreira, Xove, Outeiro de Rei, Sober, Mondoñedo, Allariz, Beariz, Lobios, Viana do Bolo, Maside, Barro, Silleda, O Rosal e Forcarei.

Calendario

  • 15/07/2023. Negreira. Praza do Concello. A Galiña Turuleca, ás 22:30 h
  • 24/07/2023. Laxe. O que arde. Praza dos Voluntarios, ás 22:30 h
  • 30/07/2023. Mondoñedo. A Galiña Turuleca. Praza da Catedral, ás 22:00 h
  • 05/08/2023. Forcarei. Eroski Paraíso. Explanada do Auditorio, ás 22:00 h
  • 6/08/2023. Lobios. Valentina. Praza Roxa, ás 22:00 h
  • 8/08/2023. A Laracha. Cuñados. Campo da Festa de Caión, ás 22:00 h
  • 9/08/2023. Sober. O que arde. Praza do Concello, ás 22:00 h
  • 10/08/2023. Ares. Cuñados. Praza da Constitución, ás 22:00 h
  • 12/08/2023. Barro. O que arde. Pazo da Crega, ás 22:00 h
  • 13/08/2023. Maside. Maimiño. Praza Maior, ás 22:00 h
  • 16/08/2023. Xove. O que arde. Praza do Centro Cívico, ás 22:00 h
  • 17/08/2023. Allariz. Valentina. Piscinas Municipais, ás 22:00 h
  • 24/08/2023. O Rosal. Cuñados. Praza das Novas, ás 22:00 h
  • 26/08/2023. Viana do Bolo. O que arde. Praza Maior do Concello, ás 22:00 h
  • 08/09/2023. Silleda. Valentina. Praza de San Juan Salgueiro, ás 21:00 h
  • 22/09/2023. Outeiro de Rei. A Galiña Turuleca. Praza da Vila, ás 21:00 h