Ciencia en galego
Desde que, no ano 2001, a UNESCO declarou o 10 de Santos como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, novembro pasou a ser para todos nós o Mes da Ciencia en Galego, unha celebración durante a cal nos centros escolares se desenvolven propostas diversas para fomentar o interese por este ámbito experimental entre os máis novos. O obxectivo desta conmemoración é o de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.
Como vén sendo habitual, a Secretaría Xeral da Lingua, a través dos equipos de dinamización da lingua galega, colabora con Igaciencia na organización dunha serie de webinarios de dinamización científica en galego dirixidos aos centros educativos, especialmente aos de secundaria e bacharelato.
Velaquí as propostas para este ano:
Dra. Marta Vila Taboada. Departamento de Bioloxía. Facultade de Ciencias. Universidade da Coruña
Data: 6 de novembro, xoves, ás 11:00 h.
Título: Historia dalgunhas especies galegas en relación ao glaciarismo pleistoceno.
Resumo: Onde viven os distintos animais e plantas depende, por unha banda, de factores propios da especie (como a súa capacidade de dispersión) e, por outra, de condicionantes ambientais. A paisaxe que temos agora en Galicia xa é diferente da que había no século XIX, pero é extraordinariamente distinta da que houbo hai arredor de 20.000 anos, cando estabamos no chamado "último máximo glaciar" e aquí habitaban mesmo mamuts e renos. Neste relatorio resumirase o que se sabe do glaciarismo pleistoceno no noroeste ibérico e como conxugamos esa información cos datos xenéticos para investigarmos a historia evolutiva de plantas e animais.
Dr. Jorge Mira Pérez. Catedrático de Electromagnetismo. Facultade de Física. Universidade de Santiago.
Data: 20 de novembro, xoves, ás 11:00 h.
Título: A luz: nai da cuántica e da relatividade.
Resumo: A finais do século XIX a física tiña case todos os problemas resoltos, agás dúas pequenas cuestións: a maneira en que emitía e absorbía luz unha cavidade escura e un experimento sobre a medida da velocidade da luz. Esas dúas pequenas cuestións desembocaron finalmente en dúas das meirandes revolucións da ciencia: o nacemento da chamada mecánica cuántica, que permitiu comprender o funcionamento do universo na escala do máis pequeno, e o nacemento da chamada teoría da relatividade, que cambiou o noso concepto de espazo e de tempo e que levou a unha nova maneira de entender a forza da gravidade.
Dr. Ángel Carracedo Álvarez. Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (Consellería de Sanidade)
Data: 25 de novembro, ás 12:00 h
Título: Que é, por que é tan importante o Proxecto Xenoma Galicia e que beneficios vai traer
Resumo: O Proxecto Xenoma Galicia, co que intentamos secuenciar o xenoma completo de 400,000 galegos e que ademais ofrece un cribado de cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia é, por porcentaxe de poboación, o proxecto de xenómica poboacional máis importante do mundo. Vai representar unha revolución sen precedentes no noso sistema de investigación e nos sectores biotecnolóxico e farmacéutico, o que fará de Galicia un referente punteiro a nivel mundial. Por parte, o proxecto terá un impacto directo na saúde dos galegos e das galegas.
Os centros interesados deben formalizar a inscrición na páxina habilitada para o efecto por Igaciencia. O prazo, que xa está aberto, finalizará unha semana antes da data de emisión de cada videoconferencia.
As charlas tamén se poden seguir a través da canle de Youtube de Igaciencia. Porén, cómpre estar subscrito para poder facer preguntas a través do chat durante a emisión.
Igaciencia tamén lles ofrece aos centros que o desexen a infraestrutura necesaria para crearen ou realizaren eles mesmos unha videoconferencia.