Volver

Resolución do Concurso-exposición Letras Galegas 2021

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou un concurso entre os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para elaborar unha exposición sobre a obra, a época e a lingua de Xela Arias, a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021, e/ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica en que esta viviu.

Logo de finalizar o prazo de presentación de orixinais e de se reunir a Comisión de Selección, publícase a resolución cos centros gañadores.

A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Xela Arias e as palabras, elaborada polo CEIP Plurilingüe de Porto Cabeiro, Redondela (Pontevedra). Trátase dunha serie de carteis que salientan pola súa orixinalidade e creatividade, a beleza estética e a diversidade das técnicas empregadas na procura de difundir a vida e a obra de Xela Arias entre o público máis novo.

Na categoría B, correspondente ao resto dos centros e niveis educativos do ensino non universitario, a mostra gañadora foi Abecedáriome, do IES Plurilingüe de Ames, Ames (A Coruña): unha exposición que consegue plasmar a vida, a obra e a época de Xela Arias a través dun harmonioso conxunto de carteis que destacan pola súa modernidade e pola acertada selección da información, amais da súa unidade, perfección técnica e calidade lingüística.

Cada unha das exposicións vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época da autora a quen lle renderemos homenaxe o Día das Letras Galegas.

A exposición e a guía didáctica de cada unha das categorías seleccionadas serán impresas e publicadas en formato dixital no Portal da Lingua Galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Tamén se realizará unha edición en papel para os centros gañadores e diversas entidades.

A SXPL agradece a participación nesta iniciativa, que require sempre un grande esforzo e entusiasmo do profesorado e do alumnado, pero que este ano é aínda máis meritoria por mor das dificultades ocasionadas polas circunstancias da pandemia.