Volver

I Premio de Oratoria en Formato Podcast "Ramón Otero Pedrayo"

A Asociación Amigos de Otero Pedrayo convoca, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o I Premio de Oratoria en Formato Podcast "Ramón Otero Pedrayo".

Resolución

O podcast “O mundo feminino de Otero Pedrayo”, de Raquel González Calvo, resultou gañador do primeiro premio do concurso convocado pola Asociación de Amigos de Otero Pedrayo. O segundo premio correspondeu ao traballo presentado baixo o título “As sete vacas de Tebra”, de Miguel Blanco. O terceiro premio foi para Aturuxo, de Naihara Darriba, do IES de Ponte Caldelas polo seu traballo “Aturuxo”.

O xurado, presidido por Xosé Ramón Pousa, profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, e formado pola directiva da Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, valorou moi positivamente o traballo colectivo “Aprendendo sobre Otero Pedrayo”, do alumnado de cuarto da ESO do IES Milladoiro. Esta peza non puido participar na fase final do concurso, no que entraron seis propostas, por tratarse dunha obra colectiva.

O premio de oratoria en formato podcast “Ramón Otero Pedrayo está convocado pola Asociación de Amigos de Otero Pedrayo e conta coa colaboración da Secretaría Xeral Asociación de amigos de Otero Pedrayo de Política Lingüística e a cooperativa agroalimentaria Coren. O galardón, dirixido ao alumnado galego de entre 15 e 25 anos, está dotado con 3.750 euros, repartidos en tres categorías.

Convocatoria

A Asociación Amigos de Otero Pedrayo convoca, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o I Premio de Oratoria en Formato Podcast "Ramón Otero Pedrayo", coa finalidade de incentivar a expresión correcta e as habilidades comunicativas mediante o cultivo da expresión oral e da oratoria —da que o escritor ourensán foi un mestre—, con técnicas actuais para a sociedade dixital.

O certame, destinado a estudantes de 15 a 25 anos de idade que cursen estudos de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, graos universitarios ou mestrados, premiará podcasts e vídeos sobre temas ligados ao universo oteriano como o medio natural, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a comunicación oral ou a tradición oral.

As pezas enviaranse ao correo asociacion.amigos.de.otero.pedrayo@gmail.com entre o 10 de febreiro e o 25 de xullo de 2023.