Volver

Lingua de Namorar 2023

As consellerías de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e de Política Social e Xuventude, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, respectivamente, convocan #LinguaDeNamorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en galego dirixido á mocidade.

MENSAXES GAÑADORAS DE LINGUA DE NAMORAR 2023

O xurado do concurso Lingua de namorar 2023 reuniuse o pasado 31 de marzo para elixir as mensaxes gañadoras das categorías A e B entre aquelas mensaxes que resultaron máis votadas polo público. Son as seguintes:

Mensaxes gañadoras da categoría A

1º premio

Alba Guzmán Falcón (Ourense)

Chover ten que chover

Chove. Corre por debaixo nosa un reghato de auga. No baño hai pingueiras facendo percusión contra a porcelana.

Namora pensar que o mundo non para se nos deixamos de querer.

2º premio

Santiago Sánchez Villarino (A Coruña)

Distancia

Alén do mar

alén dos meus ollos

alén dos meus soños,

ti.

Preto do mar,

preto dos teus ollos,

preto dos teus soños,

eu.

3º premio

Carla López Otero (Pantón, Lugo)

Translúcidas chinas

Cólleme da man e imos capar o río. Tres pedriñas afundirán, eu fundireime contigo, e as chinas viaxarán río abaixo ata dar cun inmenso mar de lágrimas de felicidade, e quedarán pulidas, e romperán en anacos, e volverán fusionarse, e cambiarán de cor cos anos... Eu quixera amarte coa mesma forza coa que os tres nimios obxectos cabalgaron a vida.

Mensaxes gañadoras da categoría B

1º premio

Eva González Blanco (Lalín, Pontevedra)

Áncora

Tentei escribir a melodía perfecta pero decateime de que a túa voz non ten partitura. Que ningunha batuta poderá escribir no aire notas agudas e graves de alegrías, doce alegoría do teu sorriso non mudo. Mais cando recito, os versos debuxan engurras na túa cara, avivecendo a poesía, ao tempo que os teus beizos me ancoran á beira do abismo.

2º premio

Clara Pérez Martínez (A Bola, Ourense)

Morriñada

O petricor salpícame a memoria esquecida

nunha inducida ataraxia en tons verdes

que me tingue as arterias ritmicamente,

acompasada coa efervescencia das ondas

mentres o nordés me zoa melifluo

a balada máis romántica en segredo,

a soas coa terra matria

e fico prendida eterna.

3º premio

Andrea López Otero (Pantón, Lugo)

Entre as cinzas

saboreo

 doce

o caos

da túa lingoa

 coa miña,

              incendiada,

 nun lume

que se aviva

      feroz

  silencioso

e asulagador

  entre a pel,

              ameazante

coa destrución.

O xurado de Lingua de namorar 2023 preseleccionou, na súa xuntanza do 31 de marzo, seis mensaxes participantes na categoría C do concurso, mensaxes que pasaron á fase de votación pública en IG, da que resultou gañadora ao recibir o maior número de "gústame" a seguinte:

Iria Cebreiros Trigo (Ourense)

@iriiaa_8

#Aartedoboquerer

Caerei de novo na tentación da lingua das miradas, movementos e sorrisos cómplices. Hipnotizada pola sonoridade da túa melodía. Alentada pola túa harmonía. Sempre dependente do teu efémero respirar. #LinguaDeNamorar.

Convocatoria de Lingua de namorar 2023

Características das mensaxes

As mensaxes de amor deberán estar escritas en lingua galega e poderanse redactar en prosa ou en verso. A extensión máxima da mensaxe será de 350 caracteres, no caso das categorías A e B, e de 200 caracteres, no caso da categoría C, incluídos os espazos en branco en ambos os dous casos.

Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

Persoas destinatarias e categorías

Lingua de namorar é un concurso dirixido a toda a mocidade con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos.

Establécense tres categorías de idade:

  • Categoría A: de 14 a 19 anos
  • Categoría B: de 20 a 35 anos
  • Categoría C: de 14 a 35 anos

Premios

Establécense tres premios por cada unha das categorías de idade A e B:

  • 1º Tableta 10’ Samsung A8 
  • 2º Libro electrónico Kinbdle
  • 3º Cascos sen Aíos JBL

Establécese un único premio pola categoría de idade C:

  • 1º Tableta 10’ Samsung A8

Procedemento de participación

No caso das categorías A e B:

Para poder enviar as mensaxes cumprirá rexistrarse na páxina do concurso: http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar para o que se deberá cubrir un formulario de inscrición.

Todas as mensaxes serán publicadas na páxina do concurso e estarán identificadas polo título e mais polo número que se lles asigne. As mensaxes gañadoras serán as únicas que se identifiquen co nome e apelidos das autoras e autores.

No caso da categoría C (exclusiva para a rede social Instagram):

Cómpre ser seguidor/a de @xuventudegalicia e de @linguagalega. As mensaxes publicaranse directamente na imaxe habilitada para o concurso #LinguaDeNamorar no perfil @xuventudegalicia. No texto indicarase en primeiro lugar un cancelo que recolla o título e despois a mensaxe. Ao Ainal da publicación, engadirase o cancelo #LinguaDeNamorar. Etiquetaranse tamén dúas amizades de IG.

Prazo de presentación

A data límite para enviar as mensaxes é o 17 de marzo.

Votación

No caso das categorías A e B:

Haberá dúas fases de selección:

1. Habilitarase unha votación do público, desde o 20 ao 26 de marzo. As persoas que queiran votar tamén deberán rexistrarse na páxina do concurso. Cada usuario/a poderá votar por un máximo de tres mensaxes en cada unha das categorías de idade.

2. Posteriormente, o xurado do concurso elixirá as declaracións gañadoras de entre as 50 mensaxes máis votadas polos usuarios e usuarias en cada unha destas modalidades.

No caso da categoría C:

A mensaxe gañadora seleccionarase tamén en dúas fases, con orde inversa ás anteriores categorías:

1. O xurado do concurso fará unha preselección de 6 mensaxes de entre todas as presentadas en prazo que respecten o indicado nestas bases.

2. O 10 de abril daranse a coñecer as 6 mensaxes preseleccionadas polo xurado, que concorrerán á votación Ainal do público do 11 ao 16 de abril. Rematado o prazo de votación computaranse os gústame que reciba cada mensaxe e gañará aquela que acade un maior número de gústame por parte do público. No caso de que exista empate entre dúas ou máis mensaxes prevalecerán no cómputo o número de gústame dados por parte de seguidores/as de @xuventudegalicia e @linguagalega. A organización reserva o dereito de establecer calquera outro procedemento de desempate.

Resolución do concurso

A listaxe cos nomes das persoas gañadoras e finalistas nas tres categorías publicarase o 21 de abril. Tanto as mensaxes gañadoras como finalistas daranse a coñecer publicamente en http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e nos IG @XuventudeGalicia e @LinguaGalega. No caso da categoría C, a persoa autora da mensaxe gañadora poñerase en contacto coa organización antes do 26 de abril para reclamar o premio e facilitar os datos de contacto.

Entrega de premios

A data de entrega de premios publicarase no espazo web específico deste concurso.