Concurso Balbino de Relatos
Edicións Fervenza e Técnicas & Gramaxe SL, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces e a Deputación de Pontevedra, e coa conformidade da Fundación Xosé Neira Vilas, convocan a oitava edición deste certame literario.
Resolución
“Gran caracterización de personaxes”, así describiu o xurado do VIII Concurso Balbino de Relatos a obra Loucine, da autoría de María Cristalina López Rodríguez, coñecida literariamente como Clara Martín e natural do Concello de Verín, que se alzou como gañadora desta oitava edición en 2023.
O fallo foi determinado por maioría dun xurado composto por reputados profesionais do sector e que incluía a Carlos Loureiro (profesor e escritor), Fernando González Graña (escritor e dramaturgo), Xosé Manuel Lobato (profesor e escritor), Rosalía Morlán (escritora e poeta) e Armando Requeixo (profesor, escritor, investigador e crítico literario).
O xurado determinou outorgar o galardón á obra Loucine, presentada baixo o lema Matilda Wormwood, polo “gran traballo na caracterización dos personaxes nunha historia que atrapa pola intriga e que é quen de reflectir, con notable habelencia, unha sinfonía de soidades na que todos os seres deste relato atopan o seu lugar no mundo”.
Os membros do xurado tamén quixeron destacar a calidade da preto dunha trintena de orixinais presentados, entre os que se incluían tanto novelas como relatos marcados por unha clara defensa do rural e protección da cultura galega.
Convocatoria
O Concurso Balbino de Relatos está aberto a todas as persoas de calquera nacionalidade e idade que presenten en lingua galega os seus traballos escritos de temática relacionada co rural, co mar ou coa emigración. Os textos serán orixinais, inéditos e de autoría propia.
Establécese un premio de 1500 euros e a publicación da obra na Edicións Fervenza.
O prazo de presentación remata o 30 de xuño de 2023.