Volver

Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca a cuarta edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

Con esta iniciativa, a CTNL procura valorar e espallar o bo traballo que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, favorecer que sexa un labor máis apreciado e comprendido socialmente e compilar accións, proxectos e campañas que poidan servir de modelo ou ser inspiradoras para novas accións.

Poden optar a estes premios todas as accións, campañas, programas e proxectos que teñan como obxectivo principal fomentar a lingua e incrementar o seu uso e/ou prestixio e que foran desenvolvidos total ou parcialmente en 2019, 2020, 2021 ou 2022.

Non se admiten proxectos sen executar, nin se premiarán traxectorias de institucións, senón campañas desenvolvidas nalgún/s dos anos indicados. Tampouco se poden presentar aos IV Premios Mil Primaveras (2022) proxectos recoñecidos nas edicións anteriores.

 

Novidades da cuarta edición

Na edición de 2022 desaparecen as categorías en que se clasificaron os premios nas tres edicións anteriores e recoñecerase un máximo de catro accións, campañas, programas ou proxectos, sen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen.

Por outra parte, aumenta o número de anos de vixencia dos proxectos candidatos, pois poden presentarse proxectos desenvolvidos total ou parcialmente nos últimos catro anos: 2019, 2020, 2021 ou 2022.

 

Presentación de candidaturas

A inscrición nos Premios Mil Primaveras é voluntaria e deberán realizala as persoas ou entidades responsables dos proxectos, accións, campañas ou programas de normalización da lingua, pois só elas poden describir de forma detallada os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación.

A inscrición de proxectos farase a través do formulario da pestana Inscricións, que inclúe unha serie de datos obrigatorios: os básicos de identificación do proxecto e da persoa ou entidade responsable, un resumo, unha fotografía de portada e un documento en .pdf que describa en detalle o proxecto. Este documento debe incluír polo menos as seguintes epígrafes:

  • Obxectivos xerais e específicos
  • Persoas destinatarias
  • Temporalización
  • Necesidades e recursos
  • Accións, medidas e actuacións concretas
  • Avaliación

Opcionalmente poden engadirse materiais que sirvan para completar e exemplificar a descrición técnica: máis fotos, ligazóns a vídeos, a arquivos de son e outro tipo de enlaces.

Os proxectos que resulten escollidos polo xurado publicaranse na sección Proxectos premiados tal e como foron subidos polas entidades ou persoas responsables.

 

Prazo de inscrición

Do 21 de setembro de 2022 ao 31 de xaneiro de 2023.

 Recoñecemento e difusión

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica, senón que consisten no recoñecemento e difusión das accións, campañas, programas e proxectos como modelos positivos para o traballo en normalización lingüística.

Tamén inclúen a entrega dun galardón identificativo nun acto público que terá lugar nunha data e nun lugar que se determinarán con suficiente antelación.