Volver

Curta A voz das nosas

Centro: IES O Ribeiro, Ribadavia (Ourense)
Curso: 2021-2022

Esta fermosa curtametraxe realizada polo IES O Ribeiro de Ribadavia, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), dános a coñecer o labor a prol da lectura que realizan rapazas coma Irene, a protagonista, que no seu blog Surfeando libros suxire acotío interesantes obras para o público máis novo. Nela tamén son de salientar outros temas, como o do valor da nosa lingua, o da importancia de coñecer idiomas, para enriquecernos culturalmente e mesmo aumentar as nosas perspectivas laborais e dedicarnos profesionalmente á tradución, e o da transcendencia de achegarlles as nosas obras literarias ao resto do mundo e amosar as obras literarias doutras culturas.

O filme ten a súa orixe no programa programa Lingua rodada promovido pola SXPL co fin de impulsar o cinema en galego nos centros educativos. O IES O Ribeiro foi un dos tres finalistas do casting realizado e, por tanto, tivo a posibilidade de realizar uns obradoiros de audiovisual e a súa peza resultou finalmente a gañadora do certame. O premio consistiu na rodaxe dunha curta co apoio do equipo profesional de Claqueta Coqueta e do seu director, Rubén Riós. O resultado foi A voz das nosas, que se proxectou no Festival de Cans. 

O filme vai contribuír a enriquecer o banco de material cinematográfico na nosa lingua, no que as pezas na nosa lingua destinadas á mocidade son moi necesarias  e axudar a que o galego conquiste cada día máis espazo nas redes, en Internet e no audiovisual para así conseguir que a xuventude descubra que a lingua galega non ten fronteiras, que sinta cada día máis orgullo dela e a fale cada vez máis.