Entrega dos XXII premios Frei Martín Sarmiento e REC.curta 2026

Centro: Escolas Católicas de Galicia, Santiago de Compostela (A Coruña)
Curso: 2025-2026

A federación de Escolas Católicas, que agrupa 112 colexios relixiosos concertados na comunidade galega, entregou os galardóns literarios Frei Martín Sarmiento, que xa van pola vixésimo segunda edición. Estes recoñecementos, que buscan impulsar a lectura en galego, contan co apoio da Secretaría Xeral da Lingua e co patrocinio do grupo Anaya.

O acto tivo lugar  nun ateigado salón de actos de San Roque, sede da Secretaría Xeral, con presenza de editores/as, autores/as, ilustradores/as, alumnado, profesorado e pais e foi inaugurado por Juana Otero, secretaria autonómica de Escolas Católicas, e por María Coutiño, subdirectora de Planificación e Dinamización Lingüística da SXL. Na súa intervención, María Coutiño incidiu no compromiso da Secretaría no seu apoio a actividades que promoven o uso da lingua galega entre o alumnado. Pola súa parte, Juana Otero destacou na súa intervención a "importancia de facer produtos en galego pero tamén a importancia de consumir galego".

O alumnado, ao redor de 3.000 participantes, decidiu coas súas votacións, e tras ler as obras finalistas, que as gañadoras desta vixésimo segunda edición dos Premios Frei Martin Sarmiento son: O pirata Bruno, de Olaia Sendón; A rebelión da lectura, de Fran Alonso; Tres nenos tristes e medio unicornio, de Beatriz Giménez de Ory; Cando o mundo é azul, de Óscar Reboiras; Invisible, de Eloy Moreno; A maldición do papiro alexandrino de Beatriz García Turnes e Whashington Square, traducido por Clara Bouza.

Premiados REC.curta 2026

Na segunda parte da gala entregáronse os premios REC.curta, que promocionan o uso do galego no eido audiovisual escolar. Nesta edición Alfonso Pato, director do Festival de Cans onde se proxectarán as Mellores curtas do REC.curta, animou o alumnado a seguir facendo cine e lembrou como moitas das persoas que hoxe están colleitando éxitos no audiovisual empezaron con curtas escolares proxectadas en Cans.

As gañadoras desta edición do REC.curta foron A palabra que se perdeu,  elaborada por alumnado de primaria dos Padres Franciscanos de Lugo e O derradeiro segredo realizada por alumnado de ESO de Santa María de Tui.

Pódense ver as curtas en www.escolascatolicas.es