Encontro lusófono
Curso: 2022-2023
O EDLG do IES Alfredo Brañas de Carballo, coa colaboración dos departamentos de Lingua galega e literatura e de Xeografía e historia, e mais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, promoven un Encontro lusófono dirixido a alumnado de 3º ESO e de 1º BAC. O evento escolar realizarase o vindeiro xoves, 4 de maio, ás 11:30 h no Pazo da Cultura, co apoio do Concello de Carballo.
Nesta actividade participarán preto de 150 alumnos e alumnas; a cantora Uxía; o músico brasi-galego Sérgio Tannus e o promotor cultural galego Vítor Belho, responsable de Nordesía Producións. Nela, o estudantado terá oportunidade de coñecer de primeira man as principais iniciativas que se desenvolven en Galicia arredor da lusofonía e da promoción do uso do galego neste ámbito (Cantos na Maré-Maré, Ari[T]mar, Semana de Convergências Portugal-Galiza...), para complementar así os contidos curriculares vistos nas aulas durante este curso.
Os obxectivos da iniciativa, que desenvolve desde o ámbito do ensino as directrices da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento do portugués e vínculos coa lusofonía (Lei Paz-Andrade), son incidir nas vantaxes que para o galego ten o portugués e visualizar e poñer en valor a orixe común e proximidade lingüística, social e cultural dos idiomas falados ás dúas beiras do Miño. Cómpre salientar que o IES Alfredo Brañas é un dos centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que ofrecen a materia de portugués como lingua estranxeira en todos os niveis da ESO e BAC.