#ACULTURASEGUE
Dicionarios audiovisuais de ida e volta. Agareso
Obra realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.
Agareso, coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística, creou estas seis breves pílulas documentais que percorren camiños compartidos entre Galicia e o resto do mundo da man de seis migrantes de distintas procedencias. Con eles poderemos aprender algo máis dos seus países e das súas linguas.
Cristina Florentina Iacob (Romanía)
Cristina Florentina vive en España dende o ano 2003. Atrás deixou a súa Rumanía natal e unha parte de si mesma. Afincada en Lugo por amor, non coñecía Galicia ata que o destino a trouxo aquí, onde aprendeu galego por necesidade laboral. Hoxe fala do duro proceso de migrar e de aprender dous idiomas distintos, o galego e o castelán.
Marcelo Ndong (Guinea)
Marcelo Ndong chegou a Galicia en 1969 para estudar en Ourense. Marchou de Guinea Ecuatorial, onde non tiña a posibilidade de cursar estudos universitarios. Aprendeu galego deixándose levar polo que escoitaba ao seu arredor.
Mame Lemou Faty Sambou (Senegal)
Mame Lemou vive en Santiago desde que tiña só 12 anos. Tivo que deixar atrás a súa gran familia de Senegal en busca dunha boa oportunidade de futuro na fría e chuviosa Santiago, o seu segundo fogar, onde agora é cociñeira. Hoxe desfruta de falar o galego.
Aranxa Vicens (México)
Irana Aranxa Vicens marchou de México pola difícil situación que atravesaba o seu país. A obriga de deixar atrás a súa casa e o proceso de integrarse en Santiago repercutiu na súa saúde mental. Non estudou galego, adquiriuno para formar parte desta comunidade da que xa se sente parte.
Brenda Hércules (Honduras)
Brenda Hércules deixou a súa aldea en Honduras para chegar a outra en Lugo na procura dun traballo co que axudar a familia. Ata chegar a Galicia non coñecía a existencia dos galegos. Pouco a pouco foi aprendendo a lingua na que hoxe xa se desenvolve.
Marisol Babarro (Venezuela)
Marisol Babarro naceu en Caracas, Venezuela. Agora vive en Galicia, terra natal da súa nai, quen lle aprendeu a amala e a falar o galego desde pequena. Hoxe comparte ese triste sentimento dalgúns migrantes de sentir que non pertencen a ningún sitio.