O galego na onda

A Rede de Dinamización Lingüística (RDL), na súa programación anual para o pasado ano 2014, preveu a realización dos obradoiros de radio e do concurso paralelo O galego na onda.

Entre os obxectivos que persegue O galego na onda figuran os de ampliar as posibilidades de ocio en lingua galega dos adolescentes de entidades pertencentes á RDL, favorecer a aprendizaxe e o uso oral do galego nun contexto lúdico e promover a reflexión sobre os usos lingüísticos da mocidade.

Concurso e obradoiro

Durante o pasado Mes das Letras, os rapaces e rapazas da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e mais dos concellos de Santa Comba, Melide, Burela, Cambados e O Carballiño participaron nun concurso de cuñas de radio para promover a nosa lingua cuxos gañadores, un por localidade, recibiron como premio a asistencia a un obradoiro de radio na emisora municipal do seu concello.

Dossier de prensa

Da man do coñecido actor e comunicador Rubén Riós, os asistentes tiveron ocasión de afondar na redacción e na locución radiofónica, nas necesidades de produción, na estrutura do guión ou nas capacidades que debe desenvolver un bo locutor de radio (dicción, improvisación, vocalización...). Ademais, como parte da súa formación, crearon cadanseu programa que foi emitido pola radio local do seu concello e melloraron a cuña gañadora na fase local. Con eles, entraron na fase autonómica do concurso, que se acaba de resolver, cuxos gañadores –os rapaces e rapazas de Burela- participarán co coñecido locutor Kiko Novoa nun programa na Radio Galega.

Ditame do xurado