Nós tamén creamos! 2015

Volve a convocatoria de premios a curtas de animación en galego Nós tamén creamos!, impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia e mais con OQOeditora.

O premio está aberto, como nos primeiros anos en que se convocou, a todos os centros educativos galegos de infantil e de primaria. Ata 2 equipos de entre 2 e 4 docentes de cada centro poderán guiar o seu alumnado na elaboración dunha curta de animación coa técnica stop-motion. O profesorado que lidere a elaboración das curtas co seu alumnado recibirá, se o desexa, asesoramento durante o proceso de elaboración dos seus traballos.

Como sempre, as creacións presentadas ao concurso estarán accesibles na sección infantil da web da CRTVG e tamén dende www.lingua.gal. Haberá tres premios, un para a mellor curta elaborada en educación infantil, outro para a de primeiro e segundo de primaria e outra para a mellor de terceiro e cuarto cursos. O profesorado que participase na elaboración das curtas galardoadas recibirá unha certificación de Premio de Innovación Educativa cunha equivalencia de 20 horas de formación premanente do profesorado.

O prazo de entrega dos orixinais remata o 30 de abril.

Curtas de animación en galego
No ano 2010, a Secretaría Xeral de Política Lingüística envioulles aos centros educativos que imparten educación infantil tres curtas de animación elaboradas por OQOeditora e acompañadas de cadansúa unidade didáctica, para gozar e aprender en galego aproveitando as posibilidades que nos brinda o audiovisual.

O curso seguinte, avanzouse un paso máis no uso da animación nas aulas mediante a creación do programa Nós tamén creamos! Grazas a el, os centros educativos pasaron de ver curtas en galego... a crealas! A novidade do curso pasado foi a inclusión de Nós tamén creamos! no Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación, que posibilita ampliar as horas de formación e o recoñecemento para o profesorado participante.

Este curso, o programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos! segue en Proxecta, pero o concurso de curtas do mesmo nome, que forma parte del, está aberto outra volta a todos os centros de infantil e/ou primaria, de maneira que tamén poidan participar aqueles docentes que recibiron formación o ano pasado ou, simplemente, que están interesados nesta experiencia de aprendizaxe e de dinamización da lingua galega para o seu alumnado.

As creacións estarán accesibles na sección infantil da web da CRTVG e tamén dende esta páxina web.

 

Gañadores da IV edición de Nós tamén creamos!

Alumnado de Educación Infantil

Alumnado de primeiro e de segundo de Educación Primaria

Alumnado de terceiro e cuarto de Educación Primaria

 

De acordo coas bases da convocatoria, cada centro premiado recibirá un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da TVG e mais un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado participante obterá da Consellería unha certificación de Premio de Innovación Educativa.

A orixinalidade e calidade dos traballos presentados levou a comisión de selección a outorgar tamén as seguintes mencións:

Alumnado de Educación Infantil

Alumnado de primeiro e segundo de Educación Primaria

Alumnado de terceiro e cuarto de Educación Primaria