Nadal en Rede 2018

O programa de dinamización lingüística Nadal en rede volve con máis actividades ca nunca para pechar 2018 e gozar das festas máis luminosas do ano con ocio en galego.

75 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) recibirán a partir do 15 de decembro un amplo abano de actividades -obradoiros, concertos, teatro- dirixidos a diferentes públicos: nenos, mozos e adultos que en moitos casos poderán gozar xuntos das diferentes propostas.

As actividades complétanse con recursos para celebrar o Nadal en galego, como un modelo de carta ás Súas Maxestades de Oriente e un libro de discursos para que os Reis Magos se dirixan aos nenos e nenas na lingua propia de Galicia durante as cabalgatas.

Propostas teatrais

Os Bolechas. Nadal no Polo Norte
A Corporación Radio e Televisión de Galicia e Gadis colaboran un ano máis coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para que Os Bolechas percorran a nosa xeografía cunha proposta de Nadal dirixida aos máis pequenos da casa. Desta volta, fano baixo o título Nadal no Polo Norte.

Chega o Nadal e Sonia quere facer un boneco de neve, pero non un calquera: quere un boneco de neve que non se derreta! Iso non parece posible. A non ser que se faga no Polo Norte, porque alí sempre vai frío... E como vai chegar ao Polo Norte? Alguén ten unha idea xenial e Os Bolechas comezan a construír un vehículo que os leve ata o destino soñado por Sonia...

Nadal no Polo Norte chegará nas seguintes datas a nove concellos galegos:

  • Sábado 22 de decembro, no Pavillón Municipal dos Deportes do Porriño, ás 18:00 horas
  • Domingo 23 de decembro, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, ás 18:30 horas
  • Mércores 26 de decembro, no Salón José Peña de Cambados, ás 18:00 horas
  • Xoves 27 de decembro, no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, ás 18:00 horas
  • Sábado 29 de decembro, no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, ás 18:30 horas
  • Xoves 3 de xaneiro, no Auditorio Municipal de Ourense, ás 19:00 horas
  • Venres 4 de xaneiro, no Centro Cultural de Muros, ás 18:00 horas
  • Domingo 6 de xaneiro, no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo de Ponteareas, ás 17:00 horas
  • Luns 7 de xaneiro, no Auditorio Municipal de Rianxo, ás 18:00 horas

E, cando remate a representación, a actividade continuará no web dos Bolechas, onde os nenos e nenas teñen á súa disposición divertidos vídeos e xogos en liña.

Puño puñete con Baobab Teatro
A coñecida compañía de teatro Baobab presenta neste Nadal en Rede unha orixinal proposta dirixida a nenos e nenas de 1 a 7 anos e ás súas familias. Puño Puñete oriéntase a ofrecerlles a estas recursos para cantar e contar en galego cos seus fillos e fillas. Asemade, combinando as rimas, as cantigas e os contos, convida os cativos e cativas a descubrir un mundo de sensacións e de emocións a partir xogo tradicional “-Puño, puñete, que tes por dentro? -Pan e fermento! -Puño, puñete, que tes por fóra? -Pan e cebola!”.

Velaquí os lugares onde fará parada Puño puñete este Nadal:

  • Domingo 16 de decembro, no Salón García de Vilagarcía de Arousa, ás 12:30 horas
  • Domingo 16 de decembro, na Fábrica de Oleiros, ás 18:30 horas
  • Mércores 19 de decembro, no local da S. C. A Pombiña de Pedroso de Narón, ás 18:00 horas
  • Venres 21 de decembro, na Casa da Cultura de Ribadumia, ás 18:00 horas
  • Sábado 29 de decembro, no Centro Social do Mar de Bueu, ás 12:00 horas
  • Sábado 29 de decembro, na Casa da Cultura de Melide ás 18:30 horas
  • Xoves 3 de xaneiro, na Casa da Cultura da Laracha, ás 12:00 horas
  • Xoves 3 de xaneiro, no Centro Sociocultural de Vedra, ás 18:00 horas
  • Venres 4 de xaneiro, na Casa da Cultura do Grove, ás 11:30 horas
  • Venres 4 de xaneiro no Multiúsos da Xunqueira de Redondela, ás 18:30 horas


Música para todos os gustos

As propostas musicais de Nadal en Rede abranguen este ano opcións diversas e moi atractivas.

A Banda da Loba
O grupo revelación do ano 2018 estará este decembro en tres concellos da RDL cun concerto en que interpretará pezas do seu primeiro traballo discográfico: Bailando as rúas.

Integrada por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para darlle voz a este novo proxecto, A Banda da Loba destaca pola creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk… e fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical.

Velaquí as datas e lugares dos concertos:

  • Martes 18 de decembro, no Auditorio Municipal de Ourense, ás 20:30 horas
  • Venres 28 de decembro, no Salón de Actos da ACRD O Pote de Maniños de Fene, ás 20:30 horas
  • Sábado 29 de decembro, na Carpa do Roxi do Porriño, ás 20:30 horas

Pablo Díaz
Entre as propostas musicais do Nadal non podían faltar algunhas para os máis pequenos da casa. Pablo Díaz estará o 6 de xaneiro ás 13:15 horas na Casa dos Veciños do Couto, en Ponteceso, co seu concerto Coas miñas mans. Música para aprender os números, as cores, as comidas... pero tamén para cantarlle á lua ou á primavera. Cancións divertidas, en fin, para medrar con alegría.

Pakolas

Paco Cerdeira, Pakolas, estará na Sala Camilo José Cela da Casa do Concello de Triacastela, o día 4 de xaneiro ás 17:30 horas para enredar cos nenos e nenas e empezar o ano con moita música e moita festa.

María do Ceo
Tamén aos cativos e cativas e ás súas familias se dirixe a proposta da coñecida cantante María do Ceo, que interpretará as súas Cancións para nenas e nenos nun concerto cos temas do seu primeiro traballo, homónimo, de música infantil. Achegádevos a escoitala en:

  • Sábado 15 de decembro, no Auditorio do Centro Sociocultural Sobrino Buhigas de Campo Lameiro, ás 19:00 horas
  • Domingo 23 de decembro, no Antigo Colexio da Alameda de Maside, ás 19:00 horas
  • Mércores 26 de decembro, no Multiúsos de Cima de Vila, en Frades, ás 16:00 horas

Dúas picariñas ourensás
Senén Vaamonde, acompañado de Alfredo e Manuel, músicos da formación A Roda, ofrécennos un concerto didáctico que inclúe panxoliñas e outros poemas de Pura e Dora Vázquez musicados no seu día por Suso Vaamonde. Tres referentes da literatura e da música galega unidos este Nadal nos seguintes concellos da Rede de Dinamización Lingüística:

  • Xoves 20 de decembro, na Casa da Cultura de Viana do Bolo, ás 17:00 horas
  • Venres 21 de decembro, no Edificio Multiúsos de Teixeiro, en Curtis, ás 16:30 horas
  • Sábado 22 de decembro, na Biblioteca Municipal das Neves, ás 16:30 horas
  • Domingo 23 de decembro, na Casa da Cultura de Guntín, ás 17:00 horas
  • Mércores 26 de decembro, no salón de plenos da Casa do Concello de Cabanas, ás 17:00 horas
  • Xoves 27 de decembro, na Casa da Cultura de Carnota, ás 17:00 horas
  • Venres 28 de decembro, na Casa da Cultura de Dodro, ás 10:30 horas
  • Venres 28 de decembro, no Centro Social de Pontecesures, ás 17:00 horas
  • Sábado 29 de decembro, no salón de actos de Moreiras, en Toén, ás 16:00 horas
  • Domingo 30 de decembro, no antigo cuartel de Taboada, ás 17:00 horas

Cantos de amor
A lírica galega contemporánea ten por primeira vez presenza no Nadal en Rede cun concerto en que a soprano Victoria Álvarez Acón e o pianista Vicente Castro Alonso interpretarán poemas do escritor Xosé Neira Vilas. A cita terá lugar na Casa do Concello de Mondariz-Balneario o 29 de decembro ás 19:00 horas.

Emilio Rúa e Rosa Cedrón
Co concerto Cantos no Nadal, Emilio Rúa e Rosa Cedrón chegarán a 7 localidades da Rede de Dinamización Lingüística, onde interpretarán cancións compostas por ambos os intérpretes, así como temas tradicionais versionados por eles, entre os que, por suposto, non faltarán os cantos propios destas datas. Poderedes escoitalos nas seguintes localidades:

  • Venres 14 de decembro, no Auditorio Municipal Xosé Casal de Vila de Cruces, ás 21:00 horas
  • Sábado 15 de decembro, na Casa da Cultura de Neda, ás 20:30 horas
  • Domingo 16 de decembro, nas Torres do Allo de Zas, ás 18:00 horas
  • Mércores 19 de decembro, no Auditorio A Senra de Bergondo, ás 12:00 horas
  • Xoves 20 de decembro, na Casa da Cultura de Cuntis, ás 20:00 horas
  • Actividade adiada. Nova data pendente de fixar. No Auditorio do Centro Cívico de Malpica de Bergantiños.
  • Domingo 23 de decembro, na carpa de actividades de Nadal do porto de Sanxenxo, ás 21:30 horas

Lucía Pérez
A cantante galega que representou a España en Eurovisión no ano 2011 interpretará no seu concerto Teño algo que contarche cancións do seu novo disco Quince soles. Este traballo está composto por temas en galego que lle dan un novo xiro musical a poemas de Celso Emilio Ferreiro, Xosé Neira Vilas, Castelao ou Rosalía de Castro, entre outros. Teredes ocasión de cantar e bailar con Lucía Pérez nas seguintes datas e lugares:

  • Domingo 16 de decembro, no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, ás 19:00 horas
  • Venres 21 de decembro, no Auditorio Municipal de Padrón, ás 19:30 horas
  • Sábado 29 de decembro, no Castelo de Castro Caldelas, ás 19:30 horas
  • Domingo 30 de decembro, no Auditorio Municipal da Cañiza, ás 19:00 horas

2naFronteira
O dúo formado por Carmen Penim e Maurizio Polsinelli estará no Teatro de Ribadeo o 21 de decembro ás 20:30 horas para interpretar tanto temas do repertorio desta formación musical como do último disco en solitario de Carmen, Herdeiras, con poemas musicados de Helena Villar, Carmen Blanco, Eva Veiga, Marga del Valle ou Marta Dacosta.

Obradoiros

Obradoiro de xogos de mesa
Porque o Nadal é tempo de xoguetes, a empresa xogueteira Brazolinda ofrece este Nadal 12 obradoiros destinados a familias con nenos e nenas entre os 3 e os 10 anos que queiran pasar unha tarde divertida. Durante un par de horas, o persoal dinamizador iralles amosando como empregar diferentes xogos de mesa cos que despois cada participante poderá continuar enredando libremente. Ao final da sesión, os asistentes elixirán un deses xoguetes para que quede no concello en que se realizou a actividade, co fin de que teñan ocasión de volver usalo no futuro.

Con este obradoiro, a Rede de dinamización lingüística quere apoiar os xogueteiros e xogueteiras que desenvolven xogos na nosa lingua, animar os pequenos e pequenas a empregar o galego no seu tempo de ocio e os seus pais e nais a transmitírllelo compartindo con eles espazos de lecer na lingua propia de Galicia.

Animádevos a xogar con Brazolinda en Ordes, Santiago, Ribeira, Cee, Salceda de Caselas, A Estrada, Marín, Pontedeume, Soutomaior, Oroso, Caldas de Reis e Arteixo.

  • Sábado 15 de decembro, no Local Social Municipal de Ordes, ás 11:00 horas
  • Sábado 15 de decembro, no Centro Sociocultural As Fontiñas de Santiago de Compostela, ás 17:30 horas
  • Domingo 16 de decembro, no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira, ás 12:00 horas
  • Venres 21 de decembro, na Casa da Cultura de Cee (sala da ludoteca da Biblioteca Municipal), ás 17:00 horas
  • Sábado 22 de decembro, no Centro Social da Devesa de Salceda de Caselas, ás 11:00 horas
  • Domingo 23 de decembro, na Sala Abanca do Concello da Estrada, ás 11:30 horas
  • Domingo 23 de decembro, na Carpa de Nadal “Engado Marín”, na Alameda Rosalía de Castro de Marín, ás 18:30 horas
  • Mércores 26 de decembro, na Biblioteca Municipal de Pontedeume, ás 16:30 horas
  • Xoves 27 de decembro, no Multiúsos de Arcade, en Soutomaior, ás 17:00 horas
  • Venres 28 de decembro, no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Oroso, ás 17:00 horas
  • Sábado 29 de decembro, na Biblioteca Municipal P. M. Martínez Ferro de Caldas de Reis, ás 11:00 horas
  • Domingo 30 de decembro, na carpa da Praza do Balneario de Arteixo, ás 11:30 horas

Os avós e as avoas como transmisores de lingua e cultura
A psicóloga Cándida Rodríguez Ferro incidirá nestes obradoiros na transmisión interxeracional da lingua galega a través da toma de consciencia das persoas de máis idade e do seu encontro e diálogo coa de xeracións máis novas. Dirixido tanto aos avós e ás avoas coma aos seus fillos e netos, o proxecto concíbese como un instrumento para a socialización entre novos e anciáns e fai posible o achegamento entre diferentes formas de entender a realidade social e lingüística.

  • Sábado 15 de decembro, no salón de actos da Casa do Concello do Bolo, ás 11:00 horas
  • Sábado 15 de decembro, no baixo da Casa do Concello de Manzaneda, ás 16:00 horas
  • Sábado 15 de decembro, no salón de actos da Casa do Concello de Ribas de Sil, ás 19:00 hroas
  • Domingo 16 de decembro, na Casa do Concello de Folgoso do Courel, ás 11:00 horas
  • Domingo 16 de decembro, no Centro Sociocultural Casas Novas de Bóveda, ás 17:00 horas
  • Martes 18 de decembro, na Fundación Paco Lareo de Vila de Cruces, ás 12:00 horas
  • Martes 18 de decembro, no Centro Deportivo O Conco de Dumbría, ás 17:30 horas
  • Mércores 19 de decembro, na Ludoteca do Concello de Pontedeva, ás 16:30 horas
  • Venres 21 de decembro, na Casa do Pobo de Tenorio en Cerdedo-Cotobade, ás 19:00 horas
  • Sábado 22 de decembro, na Casa da Cultura do Concello de Corcubión, ás 12:00 horas
  • Venres 28 de decembro, na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, ás 17:00 horas

Mulleres que contan
O obradoiro Mulleres que contan está dirixido a mozos e mozas a partir dos 12 anos e orientado a poñer en valor a palabra das mulleres escritoras para pechar deste xeito un 2018 en que as Letras Galegas se dedicaron a María Victoria Moreno. Durante a sesión, iranse presentando diversas microescenas centradas en diferentes autoras, cada unha delas seguida dunha actividade de investigación e descuberta.

  • Sábado 15 de decembro, na Biblioteca Municipal de Laxe, ás 17:00 horas
  • Domingo 16 de decembro, no salón de actos dos Edificios Múltiples de Muxía, ás 12:00 horas
  • Martes 18 de decembro, na Casa da Cultura de Tordoia, ás 17:00 horas
  • Mércores 19 de decembro, na Casa da Cultura de Boimorto, ás 17:00 horas
  • Mércores 26 de decembro, no Centro Cultural de Ponte Caldelas, ás 18:00 horas
  • Venres 28 de decembro, no Pavillón Municipal de Pereiro de Aguiar, ás 12:00 horas
  • Venres 28 de decembro, no Centro Multifuncional de Avión, ás 18:00 horas
  • Sábado 29 de decembro, na Biblioteca Municpal de Ortigueira, ás 12:00 horas
  • Sábado 29 de decembro, no salón de actos da Casa do Concello de Fisterra, ás 18:00 horas
  • Domingo 30 de decembro, no salón de actos da Casa da Cultura da Pontenova, ás 17:00 horas

 

Axenda