Volver

#ACULTURASEGUE

Contacontos novos clásicos. Carmen Domech

Iniciativa realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

Selección de dez contos narrados oralmente e con monicreques. En cada un dos vídeos emprégase unha técnica plástica ou de manipulación particular.

ONDE VIVEN OS MONSTROS de Maurice Sendack

A través de monicreques de vara de corpo enteiro construídos con la, coñecemos a historia de Max, quen nos conduce a unha viaxe interior para coñecer os monstros que levamos dentro e aprender a atopar o camiño de volta ao noso propio lugar.

FREDERICK de Leo Lionni

O Rato Frederick pon en valor a poesía, a arte e o dereito á diferenza. Para este conto mestúrase a narración oral e a colaxe téxtil disposta a modo de vistosas persianas en escena.

ROSA CARAMELO de Adela Turin

O conto Rosa Caramelo móstranos como a elefanta Margarida non pode vivir nun mundo enque as elefantas están sobreprotexidas e onde o maior valor que se lles confire é a beleza física e a submisión. Unhas figuras de papiroflexia condúcennos a través desta historia.

ELMER de David McKee

O famoso elefante de cores Elmer está farto de ser diferente, pois pensa que todos se rin del... Como Elmer vive nun país onde vai calor, este conto narrámolo cun abano xigante que nos presenta o protagonista e a súa manda.

ARTUR E CLEMENTINA de Adela Turin

Dúas Tartarugas namoradas. Artur, coa súa mellor intención, non quere que Clementina traballe fóra da casa, pero dentro hai tantas tarefas que ela non ten tempo de sentirse realizada nin de saber quen é realmente. A narración oral e os monicreques serán quen de contar esta historia.

7 RATOS CEGOS de Ed Young

Conto baseado nunha lenda hindú que lles ahega a filosofía aos máis pequenos. Finalmente decátanse de que só unha visión global pode mostrarnos a realidade. Técnica: narración, monicreques e un gran panel.

A AVENTURA SORPRENDENTE DUN HOME MOI VALENTE de Hans Traxler

Unha viaxe hilarante da man da rima, onde situacións cada vez máis absurdas e con moito humor nos atrapan de aquí á lúa. Despregando as imaxes como un xigantesco carrete fotográfico será como se narre esta historia.

EU VOU COMIGO de Raquel Díaz Reguera

O amor a Martín, un compañeiro da escola, fai que a nena da nosa historia vaia cambiando o seu aspecto e forma de ser. Seguindo os consellos dos seus amigos, cambia tanto, tanto, que aínda que Martín a mire, ela xa non se recoñece na súa nova imaxe. Técnica: monicreques e obxectos.

A CEBRA CAMILA de Marisa Núñez

A cooperación e a aceptación da axuda dos demai e uns tenros xogos de rimas compoñen esta deliciosa historia que se conta por medio de mans pintadas e monicreques.

UNHA VELLA TIÑA UN CAN de Xosé Ramón Mouriño Ferro

É un conto acumulativo, con moito humor, co que aprenderemos os sons propios dalgúns animais. Unha cana de pescar irá mostrando o que a vella esconde baixo a súa cama.