Proxecto Dragal 2014-2015
Por segundo ano consecutivo está en marcha o Proxecto Dragal, que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos equipos de dinamización da lingua galega. Trátase dun programa multidisciplinar de animación á lectura e de creación en galego coas tecnoloxías da información e da comunicación que parte da triloxía homónima da escritora Elena Gallego Abad
Por segundo ano consecutivo está en marcha o Proxecto Dragal, que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos equipos de dinamización da lingua galega. Trátase dun programa multidisciplinar de animación á lectura e de creación en galego coas tecnoloxías da información e da comunicación que parte da triloxía homónima da escritora Elena Gallego Abad.
Este curso, Dragal chega 659 alumnos e alumnas de primeiro e segundo curso da ESO de 11 centros educativos (catro máis ca na anterior edición) das catro provincias galegas. Nel están directamente implicados máis de 55 docentes.
O Proxecto Dragal conta cun wiki de acceso restrinxido aos dragaliños, ou alumnos e alumnas participantes no proxecto, e mais aos seus profesores. Alí poden atopar xogos en liña relacionados coa temática da triloxía, propostas de traballo e materiais para abordalas.
Durante o primeiro trimestre, os dragaliños centráronse na lectura da novela Dragal I. A herdanza do dragón e na decoración ou dragalización do seu centro.
No segundo trimestre, e tras unha xornada de formación dirixida ao profesorado que intervén no proxecto, o alumnado dos 11 centros participantes recibiu a visita de Elena Gallego Abad.Os seguintes meses dedicáronse a tarefas de análise da novela, de pescuda sobre onomástica persoal e de creación (elaboración de cómics, de caricaturas, de finais alternativos...). O resultado deste traballo arredor de Dragal compártese a través da wiki.
O proxecto continúa durante o terceiro trimestre, desta volta centrado no patrimonio material e inmaterial galego, e rematará, igual ca no curso anterior, cun xogo de rol no Pico Sacro, lugar lendario cun importante papel na novela de Elena Gallego.
Centros participantes no Proxecto Dragal 2014-2015
- IES Rafael Puga Ramón (A Coruña)
- CPI Virxe da Cela (Monfero)
- IES da Pobra do Caramiñal
- CPI da Cañiza
- IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa)
- IES de Valga
- IES Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa)
- IES Xesús Taboada Chivite (Verín)
- IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia)
- IES Alfoz-Valadouro (Lugo)
- IES de Becerreá