Nós tamén creamos! 2025 – 2026
A Secretaría Xeral da Lingua pon en marcha, outro ano máis, o programa Nós tamén creamos!, unha iniciativa para incrementar o uso do galego entre as xeracións máis novas e fomentar a súa presenza nos centros de educación infantil e primaria a través da creatividade e da incorporación das TIC nas aulas, máis en concreto, mediante a creación de curtametraxes en galego coa técnica stop motion. O programa ofertado a través do Plan Proxecta inclúe unha dotación de libros infantís en galego para cada centro seleccionado, así como formación e asesoramento ao profesorado para que poida realizar co alumnado curtas de animación baseadas nos libros proporcionados.
Así mesmo, a SXL convocará proximamente o concurso Nós tamén creamos!, asociado ao programa, para centros de titularidade pública. Nel establécense catro categorías: educación infantil, 1º e 2º de primaria, 3º e 4º e 5º e 6º de primaria. O concurso desenvólvese en colaboración coa Televisión de Galicia (CSAG) e OQO Editora. As curtas premiadas publícanse no web da SXL e na aplicación Xabarín da entidade galega e isto incrementa o seu efecto positivo na promoción da lingua galega, que non se restrinxe ao ámbito de cada centro, senón que chega a un público moito máis amplo, mesmo de fóra da Comunidade Autónoma.