Ver todos os autores

2026 - Begoña Caamaño

No barrio vigués do Calvario nace no ano 1964 Begoña Caamaño Rascado, unha nena curiosa, rebelde e vivaz que medra nun ambiente de xogos e lecturas, de lama e asfalto, de campos e hortas nos que desenvolve as primeiras experiencias de vida que a van marcar na maneira de ver o mundo e de entendelo.

A segunda de catro irmáns, realiza os estudos primarios no colexio Amor de Dios, e ademais recibe clases de francés da escritora e profesora María Xosé Queizán, que deixaría nela a pegada do precoz activismo feminista e o espírito crítico. No instituto de Coia II, hoxe o IES Alexandre Bóveda, continúa a súa formación, e será alí onde outra muller tamén docente, Carmen Panero, lle ensinaría a amar e interpretar a literatura.

A moza Begoña escolle a carreira de Maxisterio sen moita convicción, porque pensaba que lle podía ofrecer un maior abano de posibilidades no futuro. Tras rematar os estudos, vai ser a curiosidade, unida ao desexo de probar cousas novas, a que a levará a realizar un curso en Radio Noroeste que espertará a súa paixón polo xornalismo. De Radio Noroeste pasa a traballar a Radio Popular como redactora nos servizos informativos, e dous anos despois, en 1988, comeza na Radio Galega, na delegación desta entidade en Vigo.

É o seu un xornalismo de rúa, de contacto coa xente, procurando a noticia, para o que se enchoupa de coñecementos e información antes de cubrir as roldas de prensa, as entrevistas ou as crónicas. O Vigo dos anos 80 é unha cidade esencialmente obreira, cun sindicalismo moi activo e con grandes conflitos laborais por mor da crise da reconversión naval e do peche de empresas esenciais na comarca, como Álvarez, a produtora da porcelana Santa Clara. Begoña, que exerce a súa profesión con rigor, compromiso e entusiasmo, non vai ser allea a esta situación.

Nesta altura comeza a alternar a radio coa escrita de artigos para o xornal El Sol, as revistas A Nosa Terra, Tempos Novos, Novas da Galiza ou a Festa da Palabra Silenciada, colaboracións en esencia de corte feminista, como “Ser muller na radio”.

Abandona a cidade olívica no ano 1992 e trasládase a Santiago de Compostela, á sede central da Radio Galega. No seu labor cotián avoga por un xornalismo serio e honesto, comprometido coa verdade e co uso do galego, e que teña á cidadanía como referente. A defensa dos dereitos humanos, do pacifismo, a crítica ás inxustizas sociais, á opresión, aos abusos de poder e ás desigualdades conforman o pensamento dunha muller loitadora que cría no poder do activismo, imprescindible para entendermos a súa figura e a súa escrita.

Na procura real da igualdade de dereitos e liberdades como o único camiño posible, Begoña desenvolve un gran número de accións: participa nos foros da Marcha Mundial das Mulleres, é unha das impulsoras da asociación Mulleres Galegas na Comunicación e forma parte de Mulheres Nacionalistas Galegas. O seu é un feminismo solidario e combatente, fundamento do seu desempeño profesional e da súa escrita.

«É o tempo do feminismo: da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e, por que non?, da felicidade», son as súas palabras.

A partir do ano 2001, comeza a súa andaina no xornalismo cultural da Radio Galega e pasa a formar parte do equipo do Diario Cultural, dirixido pola poeta e amiga Ana Romaní; mais acabará dirixindo programas propios que nacen do seu desexo de andar e comprender o mundo, como Club Cultura, Andando a Terra ou Expreso de Medianoite.

A chegada de Begoña Caamaño á escrita literaria foi conxuntural e tardía: xorde como unha necesidade terapéutica e un reto de escribir o libro que lle gustaría ler.

No ano 2009 publícase Circe ou o pracer do azul, unha novela que reinterpreta a Odisea dende unha perspectiva feminista. A obra explora os vínculos afectivos das mulleres, a sororidade como unha rede de resistencia, a liberdade e o amor, procurando espazos de representación feminina ocultos polo carácter patriarcal da historia. Begoña dálles ás súas personaxes a posibilidade de contaren os seus sentimentos e emocións, a súa propia historia, a través dun intercambio epistolar entre Circe e Penélope. Morgana en Esmelle é a segunda obra (2012). Nela retoma a Materia de Bretaña e establece unha conversa co seu admirado Cunqueiro. Recrea un mundo de paixóns e de intrigas no que o poder enfronta dous modelos de organización política. «Quixen formular un debate contemporáneo sobre que modelo de sociedade queremos», diría a escritora na presentación desta obra, coa que acada diversos premios.

Estaría preparando unha terceira novela cando a Parca cortou o fío que a unía á vida. Isto acontecía en outubro de 2015. Gustaríalle irse rodeada das amizades, tan importantes para ela, e escoitando o «Alalá das Mariñas».

As obras de Begoña Caamaño convídannos a reflexionar sobre a condición humana, a abandonar o odio e o rancor e a abrazar unha sociedade máis xusta e igualitaria.