Ver todos os autores

1965 - Eduardo Pondal

Peza clave do Rexurdimento, Pondal encamiñou a súa obra cara á recuperación da lingua e a cultura galegas. Coa introdución de cultismos renovou a linguaxe literaria da súa época.

Eduardo Pondal naceu o 8 de febreiro de 1835 en Ponteceso, no seo dunha familia de orixe fidalga. Iniciou os estudos na reitoral de Vilela de Nemiña. Xa en 1848 parte a Compostela, onde cursará Bacharelato e Medicina. Nestes anos intégrase no Liceo de la Juventud e participa no Banquete de Conxo, organizado por el mesmo, Luís Rodríguez Seoane e Aurelio Aguirre.

O de Ponteceso case non exerceu a profesión médica. Aprobou unhas oposicións ao corpo de Sanidade Militar, mais a disciplina que lle impuña o traballo fai que o deixe definitivamente en 1864. Dende entón pasa tempadas na vila natal e na Coruña, onde establece a súa residencia definitiva ata a súa morte en 1917. Aquí asistirá á tertulia da Librería Carré -alcumada "Cova Céltica"- que dirixía Murguía. Será aquí cando Pondal asuma o papel de bardo da nación galega, exercendo como guía da rota a seguir.

A obra de Pondal divídese en dúas etapas diferenciadas. Na primeira -1854/68-, correspondente ao segundo provincialismo e á tendencia romántica, escribe dous poemas en galego. Son unha primeira redacción d'Os eoas e o poema El canto de un brigante. A campana de Anllóns.

O segundo período corresponde ao rexionalismo. Nel, influído por autores como Murguía, asume o papel de poeta elixido encargado de promover o rexurdimento do pobo galego. Esta fase iníciase coa obra bilingüe Rumores de los pinos -1877- e acada o seu cume con Queixumes dos pinos -1886-. Un dos poemas desta obra converteríase despois na letra do Himno Galego.

Pondal encamiñará a súa obra cara á recuperación da lingua e da cultura galegas. O autor de Ponteceso, clave no Rexurdimento, creou unha nova poesía épica de intención nacionalista que inclúe Galicia entre os pobos de orixe celta. Fíxoo, ademais, empregando unha nova linguaxe literaria ateigada de cultismos e coa que o galego non contaba ata daquela.