Ver todos os autores

1966 - Francisco Añón

Precursor do noso Rexurdimento, Francisco Añón sobresae pola súa obra poética, compilada de xeito póstumo. Exerceu ademais como xornalista, colaborando en numerosas publicacións.

Francisco Añón Paz naceu en 1812 na aldea de Boel, en Serra de Outes. Xa en 1829 ingresa no Seminario compostelán, no que non chegou a ordearse sacerdote malia ter cursado cinco anos de formación teolóxica. Comezou entón os seus estudos de Xurisprudencia, que culminaría en 1843. Nesta etapa comeza a súa relación co movemento provincialista e o seu labor como poeta e xornalista. Membro da Academia Literaria de Santiago, publicou artigos e poemas en El idólatra de Galicia -voceiro da devandita institución-. Cómpre salientar entre eles a poesía Recordos da infancia -1845-, considerada a súa mellor composición.

No 1846, ano da sublevación militar contra Narváez, Añón estabécese en Lisboa. Alí escribe, en portugués, o Hymno dos povos, que motivaría a súa expulsión do país. Nos anos seguintes residiu en Francia, Italia e finalmente Sevilla, ata fixar a súa residencia en Madrid en 1857. Nesta cidade colaborou con diversas publicacións periódicas e retomou o contacto con Galicia. Así, participaría en 1861 nos primeiros Xogos Florais co poema A Galicia. Sería esta a única composición en galego premiada no certame.

A súa obra poética, compilada de xeito póstumo, consta de varios himnos -Himno á agricultura- e de composicións costumistas -O magosto, A leiteira-, humorísticas -A pantasma-, de circunstancias -Galicia visitada polos Reis- ou elexíacas -A indeleble memoria do malogrado poeta e literato galego Don Teodosio Vesteiro Torres-.

Tras breves estancias en Lisboa e Compostela volta a Madrid en 1869. Comeza entón a participar en varias asociacións relacionadas co noso país -La fraternidad galaico-asturiana, Galicia Literaria- e entra a traballar no Ministerio de Gracia e Xustiza. Cesado no seu posto de oficial de arquivos en 1873, Añón vive os seus últimos anos marcado pola miseria. Falece en 1878 no madrileño Hospital da Princesa a causa dun cancro, sen poder ser soterrado en Galicia ao non correr ninguén cos gastos do traslado. No mesmo ano da súa morte publícase co título Poesías varias a súa primeira colección poética no xornal vigués La Concordia. En 1966, viron a luz as súas antoloxías poéticas.