Ver todos os autores

1970 - M. Valladares Núñez

Marcial Valladares foi, con Maxina ou a filla espúrea, o primeiro novelista das nosas letras contemporáneas. Cultivou asemade as facetas de narrador, lexicólogo, poeta e gramático.

Marcial Valladares, nado en 1825, enmárcase na xeración de autores vencellados ao Rexurdimento. A súa formación incluiu estudos de gramática latina, así como algúns cursos de Filosofía e a carreira de Dereito. Trala súa culminación, exerceu durante un breve período algúns cargos públicos ata o ano 1866, no que decidiu retirarse á casa familiar, en Vilancosta, na que residiría ata a súa morte -en 1903- coa súa irmá Avelina, tamén escritora.

Valladares formou parte do xurado dos primeiros Xogos Florais de Pontevedra. Entre as distinción colleitadas polo autor cómpre salientar asemade o seu nomeamento como socio de mérito de El Folclore Gallego e membro da Real Academia Española. Ao longo da súa traxectoria colaborou con numerosas publicacións, nas súas facetas de narrador, lexicólogo, poeta e gramático. Entre elas, La Exposición Compostelana, El Eco de Galicia -A Habana-, Galicia -A Coruña-, Galicia Humorística -Santiago-, La Revista Popular, O Tío Marcos da Portela, A Monteira ou La Ilustración Gallega y Asturiana.

Desenvolveu un importante labor de compilación recollendo mostras do noso folclore, receitas ou contos populares en vías de esquecemento. No que respecta á súa poesía, escribiu arredor de 40 composicións que viron a luz a través das diferentes publicacións da época. Delas despréndese a tendencia do autor cara aos motivos costumistas e sentimentais. Valladares deixounos ademais dúas obras representativas do seu labor como gramático. É o caso de Elementos de gramática gallega -1892- e o seu Diccionario gallego-castellano, un importante traballo no que recolle arredor de 11.000 vocablos.

Con todo, foi Maxina ou a filla espuria a obra que lle deparou un maior recoñecemento. Publicada por entregas en La Ilustración Gallega y Asturiana en 1880, constitúe o primeiro exemplo de novela galega moderna. Nela mestúranse xéneros e estilos, incorporando elementos de carácter romántico e costumista que desenvolven o tema inicial da novela, a violación dunha muller.