Ver todos os autores

1971 - Gonzalo López Abente

Sen demasiado éxito en eidos como o teatro ou a prosa, a poesía de López Abente caracterízase pola sinxeleza e intimismo de obras como Nemancos ou Centileos nas ondas.

López Abente naceu en Muxía no ano 1878. Agás o tempo que pasou estudando Dereito en Compostela, residiu sempre na vila natal, traballando como funcionario da banca. Este oficio non lle impediu vencellarse aos fenómenos políticos e culturais do seu tempo. Así, ocupou a dirección da Irmandade de Amigos da Fala de Muxía, colaborou en Ronsel, Nós ou A Nosa Terra e participou en empresas culturais como a Colección Lar ou o Seminario de Estudos Galegos.

A produción poética é a vertente máis salientable do seu legado literario. Neste xénero iniciouse con Escumas da ribeira, un traballo no que combina a tradición renacentista coa investigación métrica e rítmica da Escola Formalista. Non esquece, asemade, os motivos decadentes característicos do premodernismo hispánico.

Prosegue coa súa experimentación en Alento de raza. Neste caso ensaia variantes métricas máis complexas e continúa -trala pegada de Pondal- mesturando un léxico marcado polo cultismo coa fala da súa zona. A temática neste caso vai do malditismo á reivindicación histórica de Galicia. O cambio principal na poesía de López Abente chega da man de De outono -1924-. Aquí, xunto ao impresionismo paisaxista e as composicións morais e de loita, aparecen elementos de inspiración formalista como a exaltación da figura do poeta ou a fatalidade do amor. Será neste punto da súa traxectoria cando abandone o ton tenso e a experimentación afastándose do artificio. Chegarían despois composicións máis depuradas, de aparencia máis sinxela e íntima, como Nemancos -1929-, Centileos nas ondas -1958-, ou os póstumos Decrúa e Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca.

Menos interesantes son as súas achegas narrativas. Escribiu varias novelas curtas nas que deixou constancia das súas inquedanzas sociais: O diputado por Beiramar -1919-, O escándalo -1920- e O novo xuez -1922-. Coa intención de contribuír a unha literatura popular e accesible publicou dous relatos sobre un trío amoroso, Buserana -1925- e Fuxidos -1926-.

Tivo unha única incursión tanto no eido da novela longa -Vaosilveiro, 1929- como no teatro -María Rosa, 1928-, sen excesivo éxito en ningún dos dous casos. Gonzalo López Abente faleceu en Muxía en 1963.