Ver todos os autores

1974 - Xoán Vicente Viqueira

Implicado nas Irmandades da Fala, que chegaría a presidir e inspirar, Xohán Vicente Viqueira promoveu a modernización e galeguización do noso sistema educativo.

Xohán Vicente Viqueira naceu en Madrid en 1886 no seo dunha familia liberal e culta procedente de Betanzos. Alí trasladarase de novo en 1998, tras pasar a súa primeira infancia en Galicia. Na capital asiste á Institución Libre de Enseñanza. Esta experiencia formativa, unida aos problemas de saúde que comezou a padecer aos quince anos, marcaráo profundamente.

Estuda filosofía e psicoloxía en Madrid, París e Alemaña. Xa en 1917 gaña a cátedra de psicoloxía, lóxica e ética do Instituto Xeral de Santiago. Regresaba así a Galicia, onde gozaba xa de certa sona polas súas publicacións sobre temas pedagóxicos e psicolóxicos. Ese mesmo ano trasládase ao Instituto da Coruña. Dende entón, Galicia pasa a ser o obxectivo das súas preocupacións e investigacións. Así, implicarase activamente co grupo das Irmandades da Fala, das que chegará a ser presidente.

Como pensador, Viqueira amósase decididamente partidario da modernidade e da acción. Por conseguinte, defenderá a galeguización do ensino, a incorporación plena da muller ao mesmo e todo un programa de reformas do sistema educativo. Todas estas inquedanzas quedaron plasmadas nunha serie de artigos, como A nosa escola -1917-, Pol-a reforma da ortografía -1918-, Nosos problemas educativos -doce entregas en 1918- ou Pol-a pureza lingüística -1920-. Estes apareceron con certa asiduidade en A Nosa Terra. En castelán publicaría numerosos traballos sobre filosofía, psicoloxía e pedagoxía.

Como poeta, Viqueira cantou practicamente sempre en galego, sen achegar nada novo. A súa morte prematura, en 1924, privou a Galicia segundo palabras de Ramón Piñeiro, do que tería sido o seu primeiro gran filósofo. En 1930 os seus amigos publicaron con carácter póstumo Ensayos y poesías, onde se recollen escritos inéditos así como outros que xa foran anteriormente publicados.