1975 - X. M. Pintos Villar
Xoan Manuel Pintos encádrase na primeira xeración provincialista dos Precursores. Foi unha das figuras máis destacadas deste grupo polo seu uso case exclusivo da lingua galega.
Xoán Manuel Pintos nace en Pontevedra en 1811 no seo dunha familia de clase media burguesa. Posteriormente vivirá en Ferrol, na Coruña -cidade na que comeza a estudar Humanidades- e Santiago de Compostela, onde cursa Filosofía, música e violín. Culminará ademais a carreira de Dereito -1835- para pasar a impartir durante un ano a materia de Institucións Canónicas na Universidade. A partir de 1837 desempeñou diversos empregos relacionados coa avogacía. En 1862 pasa a exercer como Rexistrador da Propiedade en Vigo, cargo que ocupará ata a súa morte en 1876.
Pintos pertence ao grupo dos Precursores, e dentro deles á primeira xeración provincialista que inicia a súa obra en galego arredor de 1845. Está considerado a figura máis representativa deste colectivo polo uso case exclusivo do monolingüismo galego -feito abraiante na súa época- e por ser o autor do primeiro libro importante do Rexurdimento: A gaita gallega tocada polo gaiteiro ou sea Carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega e aínda máis. Esta obra trilingüe, en latín, castelán e galego, tiña a finalidade de achegarlle o noso idioma aos lectores. Foi publicada por fascículos ao longo do ano 1853. Canda ela viu a luz un Breve diccionario gallego escrito por el tamborilero, para facilitar la inteligencia de la Gaita Gallega tocada por el Gaiteiro.
Xunto á devandita obra, Xoan Manuel Pintos deixounos un amplo conxunto de poemas que aparecerían publicados en diversos xornais da época. De entre eles, cómpre salientar as tres églogas: Antonio e Margarida -1857-, Xacinto e Catriña -1858- e Delores e Alexandre -1858-. Gardan tamén especial interese o longo poema narrativo Contos da aldea que parecen historias da vila ou historias da vila que parecen contos da aldea -1858-, varias composicións costumistas como os Consellos da tía Fuca á súa sobriña -1858-, o poema lírico O reiseñor -1858- e un agromo de epopea de máis de seiscentos versos que titula A Galicia -1861-.