Ver todos os autores

1976 - Ramón Cabanillas

Poeta e autor teatral, coñecido como o Poeta da Raza, Cabanillas está considerado unha das voces máis destacadas da literatura do século XX.

Ramón Cabanillas Enríquez nace en Cambados en 1876. Tras estudar no Seminario de San Martiño Pinario -1889-1893- desempeñou diversas funcións burocráticas na vila natal ata emigrar a Cuba en 1910. Alí publica o seu primeiro poema na revista Suevia -Lonxe, 1910- e o seu primeiro libro, No desterro -1913-. Dous anos máis tarde abandona definitivamente a illa para establecerse de novo en Galicia, onde exercería como secretario do concello de Mos entre 1916 e 1924. O levantamento militar sorpréndeo en Madrid, dende onde pasará a Valencia, cidade na que fai tertulia con Castelao. En 1937 está xa de volta en Cambados.

A partir dese momento traballará como secretario en varios concellos galegos e coñecerá a loita agrarista. Ademais de apoiar este movemento, convértese nun símbolo literario do nacionalismo de pre-guerra pertencendo ás Irmandades da Fala -o que o levaría a colaborar asiduamente en A Nosa Terra- e ao Seminario de Estudos Galegos, así como á Real Academia Galega e á Real Academia Española. Posteriormente instálase en Madrid, pasando tamén tempadas en Barakaldo e no mosteiro de Samos. Ao final da súa vida regresa a Cambados onde morre en 1959.

Cabanillas sobresaiu especialmente nas súas facetas de poeta e autor teatral, cultivando asemade a tradución e, esporadicamente, a prosa. Está considerado como unha das voces máis destacadas da literatura do século XX, o que lle valeu a denominación de Poeta da Raza. Como versificador recurriu a diversos rexistros temáticos -o amoroso, o relixioso ou o de preocupación cívica- e estilísticos. Os ecos intimistas das súas primeiras poesías deixaron paso a proxectos máis comprometidos, nos que puxo as súas verbas ao servizo da construción nacional. É o caso de Da terra asoballada -1926- ou da peza dramática A man de Santiña, que escribiría en 1921 a instancias de Antón Vilar Ponte. Con todo, o lirismo inicial sería retomado en obras como o poemario amoroso A rosa de cen follas -1927-. Tras un longo período de silencio, publicou a finais da década dos corenta Camiños no tempo. Seguiríanlle Antífona da cantiga -1951-, Da miña zanfona -1954-, Versos de alleas terras e tempos idos -1954- e Samos -1958-, o seu último libro publicado en vida.