Ver todos os autores

1977 - Antón Villar Ponte

Villar Ponte dedicouse especialmente ao cultivo do xornalismo. Principal prosista da xeración das Irmandades da Fala, artellou a renovación ideolóxica do noso nacionalismo.

Antón Villar Ponte nace en Viveiro en 1881. Alí comezou a estudar para cursar posteriormente Farmacia en Compostela. Tras licenciarse pasou a rexentar unha botica en Foz, onde se estrearía no xornalismo anticaciquil coas súas intervencións no boletín local ¡Guau, guau! e na Revista Gallega. Nesta época publica a súa primeira peza dramática, Do caciquismo: A patria do labrego -1905-.

Pouco tempo despois emigra á Habana, onde dirixe varias revistas e se integra na Comisión Protectora da Real Academia Galega. De volta a Galicia, en 1910, promoveu na Coruña a creación das Irmandades da Fala. A súa posta en marcha estivo marcada pola publicación da súa obra Nacionalismo gallego: nuestra afirmación regional -1916-, unha compilación de artigos que foran publicados en La Voz.

No seo das Irmandades, fundou e dirixiu A Nosa Terra, e ocupouse de impulsar o renacemento e a difusión do teatro galego. Así, en 1919 colabora na formación do Conservatorio Nazonal de Arte Galego, que asumiría tarefas tan relevantes como a tradución de autores estranxeiros ao noso idioma. Vilar Ponte deixounos unha considerable produción dramática transmisora do ideario galeguista. É o caso de pezas como Da superstición: Entre dous abismos -1920- e Da emigración: Almas mortas, que forman un Tríptico xunto á súa primeira obra publicada en 1905.

Con todo, a sona é sobre todo para o Villar Ponte xornalista. Foi autor de múltiples artigos e ensaios destinados a espallar o ideario das Irmandades. Moitos deles foron compilados e publicados de xeito póstumo en Pensamento e sementeira -1971-. A imposición dunha liña máis conservadora lévao a deixar A Nosa Terra e optar polo culturalismo da Irmandade Nazonalista Galega. Tamén destacou no eido estritamente político. Fundador da ORGA, foi elixido en 1931 deputado nas Cortes Constituíntes. Cinco anos máis tarde, en febreiro do 36, sairía de novo como deputado, neste caso polo Partido Galeguista. Con todo, non chegou a prometer a representación, ao morrer en marzo dese mesmo ano. Malia estes compromisos non chegou a abandonar a produción teatral. Nos últimos anos da súa vida publicaría Os Evanxeos da risa absoluta -1934- e Nouturnio de medo e morte -1935-.