Ver todos os autores

1980 - Alfonso X o Sabio

Afonso X, rei de Castela e León, foi un dos máis importantes mecenas literarios de Europa. Cos autores da súa corte deu forma ás Cantigas de Santa María, xoia da literatura medieval galego-portuguesa.

Afonso X, rei de Castela e León, naceu en Toledo no ano 1221 e morreu en Sevilla en 1284. Crese que o monarca, fillo de Fernando III de Castela e Beatriz de Suebia, pasou a súa infancia na fortaleza de Maceda, onde tería aprendido a nosa lingua. Ao longo da súa vida viuse inmerso en múltiples enfrontamentos militares. Con todo, hoxe lembrámolo por ter sido home de letras. O seu labor de potenciación da cultura valeulle o alcume d'O Sabio. Así, está considerado un dos mecenas literarios máis importantes da Europa tardomedieval.

Afonso X chegou ao poder pouco despois da unificación dos reinos de Castela e León e de que os territorios do reino se ampliasen considerablemente polo sur. Así, convivían baixo o seu dominio cristiáns de diferentes linguas, unha minoría xudía e unha poboación musulmana. O latín xa non era válido como idioma común e o monarca deulle un pulo decisivo ao castelán. Así, fomentou a Escola de Tradutores de Toledo. Organizou a grupos de eruditos e escribas, xudeus, mouros e cristiáns, que prepararon edicións de obras importantes baixo a dirección persoal do monarca. É o caso de tratados científicos traducidos do árabe -como os quince Libros del Saber de la Astronomía-, tratados de lexislación -como o Fuero Real ou Las Siete Partidas- e espectaculares compilacións históricas -Estoria de España ou Primera Crónica General de España-. Varios destes traballos foron tamén traducidos ao galego.

Se ben o castelán dominou a súa obra científica e histórica, o galego tomou forza nas composicións líricas de Afonso X. Cantigas de amor, escarnio, e especialmente as súas Cantigas de Santa María, que constitúen o cumio do galego escrito medieval. Confórmanas 420 cantos, case todos -320- referidos aos milagres da Virxe María en distintos santuarios europeos. Xunto a eles atopamos 43 cancións líricas de loor á Virxe, 12 conmemoracións de festas marianas e 5 de festas de Noso Señor. O conxunto vai acompañado dun prólogo e un epílogo escritos en verso polo propio Afonso X.

As Cantigas de Santa María constitúen a xoia máis preciada da literatura galego-portuguesa. O Día das Letras de 1980 foille dedicado por este motivo a Afonso X O Sabio, e tamén a todos os autores da súa corte implicados nesta colección de poesía relixiosa.