1981 - Vicente Martínez Risco
Risco representa unha das personalidades máis complexas e relevantes da Xeración Nós. O autor destaca polo seu carácter individualista e conflictivo, que reflectiría en moitas das súas obras.
Vicente Martínez Risco e Agüero naceu en Ourense en 1884. Tras unha infancia enfermiza, licenciouse en Dereito en 1906. Conseguida a praza de funcionario na delegación de Facenda da vila natal, emprende a lectura das vangardas literarias e filosóficas. Na orixinalidade intelectual e na adopción de actitudes extravagantes, vía un xeito de afastarse da vulgaridade que o rodeaba. En 1913 marcha a Madrid a estudar Maxisterio. Alí reside ata 1916, cando regresa a Ourense como catedrático de Historia da Escola Normal. Un ano máis tarde fundaría co avogado Arturo Noguerol a revista literaria La Centuria.
En 1918 co achegamento ás Irmandades iníciase á etapa máis fecunda do autor, na que se converterá en teórico do nacionalismo galego -Teoría do nacionalismo galego, 1920-. Chegarían despois Elementos de metodología de la Historia -1920- ou El problema político de Galicia -1930-. A evolución ideolóxica de Risco, dende o individualismo e a rebeldía da mocidade ao galeguismo quedou plasmado no ensaio Nós, os inadaptados, publicado en en 1933 na revista Nós que el mesmo fundara trece anos atrás xunto con Castelao, Losada e Noguerol. Participou asemade no Seminario de Estudos Galegos, no que dirixiu a sección de Etnografía e Folclore, disciplinas cultivadas ao longo da súa vida e plasmadas en estudos como Da mitoloxía popular: os mouros encantados -1927-, Ensaio dun programa pró estudio da literatura popular galega -1928- ou Notas sobre las fiestas del Carnaval en Galicia -1948-.
Iniciou a súa andaina como narrador no ámbito da novela curta, con Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros -1919- ou O lobo da xente -1925-, para seguir cunha novela fundamental na literatura galega: O porco de pé -1928-. Nesta obra, a única novela de Risco en galego, o autor satiriza diversos aspectos que rexeita, como a vulgaridade, a sociedade de consumo, a hipocresía dos políticos ou o marxismo. A súa única incursión no teatro foi O bufón de El Rei, que non pasa de ser unha continuación da súa obra narrativa. Pouco antes da súa morte Risco publicará a instancias de achegados como Otero Pedrayo ou Fernández del Riego Leria -1961-, unha escolma de traballos filosóficos, críticos e literarios redactados na nosa lingua entre 1920 e 1955.