Ver todos os autores

1982 - Luís Amado Carballo

Creador da corrente hilozoísta, caracterizada por personificar os elementos da paisaxe, foi xunto con Manuel Antonio un dos creadores máis destacados do seu tempo.

Luís Amado Carballo naceu en Pontevedra en 1901. Criouse nunha familia conservadora ao tempo que ilustrada, con antecedentes no cultivo da literatura. Estudou Bacharelato no Instituto de Pontevedra, cidade á que onde retornaría para estudar Maxisterio tras cursar dous anos de Filosofía e Letras en Compostela. Durante a súa curta vida, Amado Carballo exerceu como mestre de escola e xornalista, profesións que lle garantiron poder dedicarse sen preocupacións económicas á creación literaria.

Precisamente co obxectivo de traballar como xornalista, Amado Carballo partiu cara Madrid en 1920, onde colaborou no xornal La Tribuna, na revista España e noutras publicacións españolas e galegas, como Progreso, La Concordia, El Pueblo Gallego, A Nosa Terra ou Vida gallega. Alí entraría en contacto co mundo bohemio e literario. Con todo, decidiu voltar á cidade de orixe, onde participa en tertulias poéticas e funda en 1922 a revista Alborada. Nela publicaríase por primeira vez o seu poemario Proel -1927-. Tres anos máis tarde Amado Carballo enferma de tuberculose, o que o obriga a pasar unha tempada en Soutelo de Montes. Á súa volta escribe a maioría dos poemas da súa obra póstuma O galo -1928-.

Malia falecer en 1886, con só vinteseis anos, Amado Carballo influiu nos poetas das xeracións posteriores. Foi xunto con Manuel Antonio un dos creadores máis destacados do momento, e creador da corrente hilozoísta, que personifica os elementos da paisaxe e fai un abundante uso da metáfora. Así, atribúeselle a renovación poética do primeiro terzo do século XX. As paisaxes mariñeiras da súa vida natal constitúen un referente continuo nos seus versos.

Lembrado fundamentalmente polas súas creacións poéticas, iniciou a súa andaina literaria como narrador, coas novelas curtas Maliaxe -1922- e mais Os pobres de Deus -1925-, así como o conto Un milagre do santo San Francisco.