Ver todos os autores

1983 - Manuel Leiras Pulpeiro

Leiras Pulpeiro cultivou fundamentalmente a poesía, caracterizada pola denuncia social en prol da defensa dos máis desfavorecidos.

Manuel Leiras Pulpeiro -1854/1912- nace e morre en Mondoñedo. Inicia os seus estudos de Latín e Humanidades no Seminario Diocesano, obtendo máis tarde o título de bacharel en Artes no Instituto de Tapia de Casariego, na Asturias de fala galega. En 1870 desprázase a Compostela a cursar estudos de Medicina, que remataría en Madrid en 1877. Un ano despois volve a Mondoñedo para exercer como médico, seguindo os pasos do seu pai. Leiras Pulpeiro non encaixaba na pechada sociedade mindoniense. Galeguista e anticlerical, a súa valeulle o apelativo de "médico dos pobres". Os seus biógrafos falan dunha consistencia ética envexable. A coherencia cos ideais levouno a casar polo civil en 1888, o que foi motivo de escándalo público con grande repercusión nos xornais locais.

En 1884 publica os seus primeiros poemas no semanario O Tío Marcos da Portela. Con todo, durante esta década entregouse á causa política, como integrante do Partido Republicano Federal. En 1887 participa na Xuntanza Federalista de Lugo, que aprobou o "Proyecto de Constitución para el futuro Estado gallego". Ese mesmo ano publica os seus primeiros poemas de crítica social. A sona das súas composicións lévao a ser nomeado, en 1905, membro da Real Academia Galega. A modestia do autor levouno a renunciar ao mesmo, considerando que non reunía as condicións necesarias. Con todo, anos despois legaríalle á institución unha importante colección de material na que se incluían léxico, cantigas e refráns compilados ao longo da súa vida na comarca mindoniense.

O groso da produción literaria de Leiras Pulpeiro chegaría nos últimos anos da súa vida. En 1910 publica Apuntes para la geografía médica del distrito de Mondoñedo e vintecatro "cántigas" no Almanaque gallego de Bos Aires. Resulta premiado nos Xogos Florais de Vigo e publica, en 1911, Cantares gallegos, o único volume poético editado en vida do autor. Esta obra recolle basicamente composicións que beben da tradición popular: riqueza lingüística, predominio da temática amorosa e social, esquema métrico fixo... Constitúese deste xeito como o primeiro cancioneiro galego de autor culto que toma como modelo o do pobo, sentando precedente na nosa literatura. En 1930 publicáronse as súas Obras Completas. Tomo I.