Ver todos os autores

1984 – A. Cotarelo Valledoro

Armando Cotarelo Valledor é un dos principais autores do teatro galego. Achegouse ademais ao eido narrativo e fixo varias incursións na literatura popular.

Armando Cotarelo Valledor en Vegadeo en 1979. Logo de cursar estudos de Filosofía e Letras en Madrid, obtén en 1904 a cátedra de Lingua e Literatura Española na Universidade de Compostela, na que ocupou os cargos de vicerreitor e decano. Renovou actividade universitaria grazas ao seu marcado sentido aperturista e mergullouse na vida cultural. Así, presidiu o Ateneo León XIII, colaborou na organización da Exposición Rexional de 1909 e a Exposición de Arte de 1926, e creou e dirixiu a revista Ultreya -1919/20-. Integrado no ambiente galeguista, toma parte activa no ambiente restaurador das Irmandades da Fala e será o primeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos.

A Real Academia nomeouno membro numerario en 1929, malia que non chegaría a tomar posesión do cargo. Nove anos máis tarde sería elixido membro da Real Academia Española en representación das letras galegas xunto con Ramón Cabanillas. Foi asemade membro da Real Academia de Historia e secretario perpetuo do Instituto de España.

Malia estar considerado como un dos alicerces do nacionalismo e a vida cultural de preguerra, Cotarelo situouse tralo conflito bélico xunto á dereita sublevada. Nesta época trasládase a Madrid -onde morre en 1950- ao ser nomeado caterático de Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa na súa Universidade Central.

Colaborou en diversos xornais da época, así como na revista Nós e o Boletín da Real Academia Galega. Publicou ademais numerosos traballos relacionados coa súa especialidade literaria e filolóxica, os temas históricos e os biográficos. Con todo, a súa grande achega ás nosas letras radica no teatro, no que destaca polos retratos psicolóxicos dos seus personaxes. Neste eido, a súa produción -continuadora da estética realista dominante na época- engloba o drama rural -Trebón, Lubicán-, o de ambiente mariñeiro -Beiramar, Mourenza-, a comedia sentimental -Sinxebra- e a traxedia histórica -Hostia-.

Ademais da súa obra dramática escribiu unha novela bilingüe -El Pazo, 1923- e fixo incursións na literatura popular, como os Contos de Nadal colleitos do pobo -1927- e o Cancioneiro da agulla enxergado con doas do pobo -1931-.