Ver todos os autores

1985 - Antón Losada Diéguez

Losada Diéguez, pensador e ensaísta, é un dos membros fundamentais da Xeración Nós. A súa traxectoria é fundamental para comprender o noso nacionalismo político e cultural.

Antón Losada Diéguez naceu no Carballiño en 1884 no seo dunha familia fidalga de ideoloxía ultraconservadora. Os seus primeiros anos transcorreron entre o pazo natal Moldes e a vila da Estrada. Doutor en Filosofía e licenciado en Dereito, comezou a traballar como profesor axudante de Armando Cotarelo Valledor. Nesta altura, iniciou a súa relación co movemento galeguista e co agrarismo de corte socialcatólico.

No ano 1911 viaxou a Madrid para preparar oposicións á cátedra de Psicoloxía, Lóxica, Ética e Rudimentos de Dereito, obtendo o primeiro posto. Tres anos despois fíxose cunha praza en Ourense, onde permanecería ata o seu traslado a Pontevedra en 1919. Na cidade do Lérez sigue activamente a política galeguista da época e tenta galeguizar ao máximo todos os ámbitos sociais involucrándose, entre outras causas, na creación da Coral Polifónica. Dende o seu ingreso nas Irmandades da Fala -1917- xogou un papel relevante na conformación do nacionalismo galego. A súa capacidade de convición resultará decisiva na evolución dos futuros compoñentes do Grupo Nós, atraendo a Risco, Noguerol, Otero Pedrayo e Cuevillas ás Irmandades. En 1920 cofundou a revista Nós, que el mesmo ideara. Tamén foi membro destacado do Seminario de Estudos Galegos, ao que accedeu en 1924.

Máis aló dalgúns contos publicados en revistas como Nós ou Alborada -Home viaxeiro, Queixumes, Conto sinxelo, Amañecer-, pezas teatrais -A Domeadora-, poemas e un breve escrito de ton folosófico -Teoría cuasi trascendental da velocidade- a súa obra componse fundamentalmente de ensaios. Estes, maiormente políticos, serían compilados en 1985 baixo o título de Obra completa.

Con todo, a forte influencia que Losada exerce nos compoñentes da Xeración prodúcese sobre todo por medio da conversa, os consellos e do intercambio epistolar. Losada Diéguez falaceu en Pontevedra no ano 1929.