Ver todos os autores

1986 – A. Iglesia Alvariño

Aquilino Iglesia compilou na súa obra poética as tendencias literarias do seu tempo, como o neotrobadorismo, os ritmos popularistas, o hilozoísmo ou a interiorización da paisaxe.

Aquilino Iglesia Alvariño naceu en Seivane en 1909. O contacto nestes primeiros anos coa natureza e a vida campesiña quedará patente no léxico e temática das súas creacións. Xa no seminario de Mondoñedo compuxo a súa primeira obra poética, Señardá -1930-. Trátase de cincuenta sonetos nos que se aprecia a influencia exercida sobre o autor polas súas múltiples lecturas, así como por autores da talla de Cabanillas, Noriega ou o portugués Antero de Quental. Tras deixar os estudos eclesiásticos e pasar unha tempada como docente en Vilagarcía, cursa en Santiago Filosofía e Letras. Alí entrou en contacto coa intelectualidade galeguista e comezou a participar activamente na vida cultural do país. Así, exerceu como director de A Nosa Terra e fundou Renacencia. O seu segundo libro, Corazón ao vento -1933-, desligado do modernismo, entronca co franciscanismo da súa primeira obra e ábrese a correntes como o saudosismo e o hilozoísmo, tendendo pontes cara á poesía moderna.

Tras a guerra civil compuxo poesía de signo fascista en español -Contra el ángel y la noche, 1941- mais en 1947 volta á lírica galega, editando Cómaros verdes. Con esta obra acadaría a súa madurez creativa, marcando o inicio da literatura galega da posguerra. Cómaros compila material de tres lustros. Así, apréciase no poemario a influencia diferentes correntes como a estilización neotrobadoresca, a interiorización da paisaxe, o ensaio de ritmos popularistas, o hilozoísmo ou a contención clásica. Nestes anos a profesión docente levouno a mudar de cidade en varias ocasións.

En 1952 regresa a Compostela, onde participou no agromar da xeración literaria das Festas Minervais. Así, colaborou en diferentes artigos e traducións para o galego de textos grecolatinos en La Noche. A madurez e personalidade do seu verso, que nunca chegou a abandonar certo eco imaxinista e neotrobadorista, manifestáronse claramente nas obras De día a día -1960-, Landa de soledá -1961- e Nenias -1961-. Dous anos despois do seu falecemento, en 1961, publicaríase, baixo o título de Leva o seu cantare, unha colección de poesías inéditas ou espalladas en diferentes xornais e revistas.