Ver todos os autores

1989 - Celso Emilio Ferreiro

A Longa noite de pedra de Celso Emilio constitúe un fito na poesía de reivindicación social. O autor cultivou asemade a narrativa, en forma de novela e memorias.

Celso Emilio Ferreiro naceu en Celanova en 1912. Na súa mocidade achégase xa á poesía e á política da esquerda comprometida co país. Entra en contacto co Grupo Nós e funda a comezos dos anos 30 xunto con Xosé Velo as Mocidades Galeguistas de Celanova.

A súa actividade política e literaria vese truncada pola sublevación militar do 36. Obrigado a incorporarse ao exército franquista é delatado e condenado a morte en 1937. Nas catro noites que pasou na cadea escribie o poema Longa noite de pedra, núcleo central do libro do mesmo título. Finalizado o conflito, cursou Maxisterio e Dereito en Compostela. Tras casar instálase en Pontevedra, onde funda en 1948 a colección Benito Soto e colabora con revistas como Mar, Finisterre, Sonata gallega ou a Guía Anuario de Pontevedra.

Establecido en Vigo dende 1949, pasa a codirixir a revista Alba -1948/56-. Nestes anos escribe O soño sulagado -1954- e dirixe para Galaxia a colección de poesía Salnés, que publicaría en 1962 Longa noite de pedra. O impacto desta obra de denuncia foi enorme. Esgotada en poucos días, marcou un fito na historia da nosa literatura chegando a ocultar outras facetas da súa produción. Malia que non era o primeiro poemario da corrente socialrealista, Celso Emilio pasou a ser o símbolo deste movemento.

En 1966 emigra a Caracas. Alí enfróntase á directiva da Irmandade Galega, o que lle provocaría a escrita dos poemarios en ton satírico Viaxe ao país dos ananos -1968- e Cantigas de escarnio e maldicir. Cómpre salientar asemade os seus libros Terra de ningures -1969-, de ton popularista, o romance de cego Paco Pixiñas -1970- e os seus Antipoemas -1972-, se cadra, a obra máis heteroxénea do autor, de fondo alento cívico.

En 1973 instalouse en Madrid, onde se dedicará por completo á actividade literaria e xornalística. Son desta época os poemarios Cimenterio privado -1973- e Onde o mundo se chama Celanova -1975-. A morte sorpréndeo en Vigo no verán de 1979, convertido nun mito para as novas xeracións.