Ver todos os autores

1993 - Eduardo Blanco Amor

Blanco Amor constitúe un dos grandes fitos da renovación narrativa galega. Foi asemade unha das meirandes figuras do noso teatro independente.

Eduardo Blanco Amor naceu en Ourense en 1879. De carácter autodidacta, nos primeiros anos de vida recibe maxisterio de Risco, fundamental no seu posicionamento en defensa da causa galega. Emigra a Bos Aires en 1919, onde prosegue a súa formación da man de intelectuais e artistas. En 1923 cofunda a revista Terra e, tres anos máis tarde, ingresa no diario La Nación.

A súa carreira literaria comeza en 1928 coa publicación de Romances galegos. Nestes anos realiza dúas viaxes á Península como correspondente de La Nación. Na primeira -1929/31- establece contacto co Partido Galeguista e o Grupo Nós. Aquí escribiu Poema en catro tempos -1931-, unha longa composición sinfónica de tintes vangardistas. Na segunda viaxe a España -1933/35- contacta coa Xeración do 27, colaborando con Lorca nos "Seis poemas galegos". Tras o alzamento militar defendeu dende Arxentina o Estatuto de Autonomía e dedicouse a espallar a nosa cultura. Malia elo, a súa produción americana foi en castelán ata 1956, cando publica Cancioneiro.

A súa traxectoria teatral comeza durante a guerra civil. Imparte clases de lectura e dición e funda as compañías Teatro de Cámara El Tinglado e Teatro Popular Galego. Xa en Galicia converteríase nos anos sesenta en figura emblemática do teatro independente. Antes de deixar América publicou a novela A Esmorga -1959-, un dos grandes fitos da renovación narrativa galega. Nela introduce técnicas como a redución temporal, o tremendismo, o determinismo, a plasticidade cinematográfica no ritmo ou os contrastes e perspectivas suburbanas.

O autor regresa a Galicia en 1965, sen recibir o apoio que cría merecer. En 1962 publica Os biosbardos, sete relatos nos que atopamos temas recorrentes na obra de Blanco Amor, como a dificultosa relación co pai ou a sofrinte figura materna. Tras publicar unha nova edición d'A Esmorga -1970- e a longa novela de complexa estrutura Xente ao lonxe -1972- centrou a súa produción no teatro -Farsas para Títeres, 1973, Teatro pra a xente, 1975- e interviu no intenso debate teatral do momento. Blanco Amor faleceu en Vigo en 1979.