Ver todos os autores

1995 - Rafael Dieste

Adscrito á denominada Xeración de 1922, Dieste modernizou cos seus contos e obras de teatro o sistema literario galego afastándoo do ruralismo.

Rafael Dieste Gonçalves naceu en Rianxo en 1899. Amigo de Manuel Antonio e discípulo de Risco -quen o introduce no nacionalismo-, iniciou a súa traxectoria en xornais como Faro de Vigo, Galicia ou El Pueblo Gallego. Con oito relatos publicados na prensa preparou a primeira edición d'Os arquivos do trasno -1926-. Os seus personaxes e a presenza do imaxinario galego -a Santa Compaña, os mouros...- contribúen á fixación dunha conciencia común diferenciada. Un ano despois publica a peza dramática A fiestra valdeira. Unha comedia simbólica, na liña do realismo máxico, na que se presenta o problema da integridade do ser. Coa súa lectura ingresaba, en 1927, no Seminario de Estudos Galegos.

En 1932 trasládase a Madrid, onde continuará o seu labor xornalístico participando en diversas publicacións e fundando Hora de España e El mono azul. O comezo da guerra civil sorpréndeo sendo director do Teatro Español de Madrid. Dieste, tras retirarse a Barcelona, inicia en 1939 un exilio que o leva a Uruguai e Bos Aires. Nestes anos escribe poemas, narracións, teatro e ensaios. Ademais exerce como director literario da Editora Atlántica. En 1948 viaxou por Europa como comisionado do Museo Nacional de Artes Plásticas de Montevideo e aceptou un posto de lector de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Cambridge, ao que seguiría outro lectorado en Monterrei.

Regresa a Galicia en 1960. Dous anos máis tarde publicaríase unha segunda edición dos Arquivos do trasno, ampliando o número de contos. A mediados desa década instálase na Coruña e en 1970 ingresa na Real Academia Galega. Dieste colaborou en diversas publicacións e participou en conferencias, homenaxes, mesas redondas... As súas intervencións nestes actos foron recollidas no libro póstumo Encontros e vieiros -1990-. Poucos meses antes da súa morte -en 1981- apareceu o volume Antre a terra e o ceo, que recolle artigos en prosa dos anos vinte publicados en El Pueblo Gallego.

Os contos e máis o teatro de Dieste modernizaron o sistema literario galego, afastándoo do realismo ruralista.